O XVIII Encontro Arqueolóxico do Barbanza contará con once relatorios

O Pazo de Goiáns, en Boiro, acolle esta proposta os vindeiros 22 e 23 de febreiro

Por vez primeira, o Pazo de Goiáns, en Boiro, acolle a celebración do Encontro Arqueolóxico do Barbanza. A cita chega á súa décimo oitava edición os vindeiros 22 e 23 de febreiro a concentrar once relatorios a cargo dunha vintena de profesionais da investigación arqueolóxica. Como é habitual, canda aos traballos neste campo realizados na comarca, o programa presta unha especial atención á arte rupestre e a traballos realizados noutras partes do país.

Entre outros contidos, a cita acollerá conferencias como a de Marcos Martinón sobre acción colectiva e tecnoloxías complexas en sociedade sen estado. Rebeca Blanco Rotea abordará a "importancia da materialidade para a datación absoluta de edificios históricos" a partir do caso de Santalla de Bóveda, e Alba Vidal explicará os usos modernos de Cova Eirós dende a etnoarqueoloxía.

As intervencións sobre a Prehistoria no val do Támega, da man de Lucía Rodríguez Álvarez, e as que se teñen realizado na Illas de Ons, explicadas por Alba Antía Rodríguez Novoa, Patricia Valle Aba e Adolfo Fernández Fernández son outros relatorios presentes neste encontro.

A maiores, nas dúas xornadas do encontro aínda se tratarán temas como o uso de drogas na Europa prehistórica, a cargo de Elisa Guerra Doce ou o uso do lume da Prehistoria ibérica, da man de Ernestina Badal García, entre outras propostas.

A inscrición ao evento está aberta ata o vindeiro 14 de febreiro e é de balde agás para as persoas que queiran certificar a súa asistencia, que deberán aboar 15 euros.