A cidadanía non ve cumpridos os seus dereitos culturais

O informe 'Acceso á cultura en Galicia' xurde dun proceso amplo e variado de consultas para retratar a situación dos dereitos culturais

| Santiago. Redacción | Seccións: Políticas Culturais
Compartir:
A cidadanía non ve cumpridos os seus dereitos culturais

O dereito ao acceso á cultura non se está a cumprir en Galicia, a esa conclusión chega o informe presentado hoxe polo Consello da Cultura Galega e que xurde dun longo proceso participativo polas catro provincias galegas. Este documento recolle as reflexións, queixas, propostas e preguntas xurdidas dun foro cunha metodoloxía participativa e descentralizada que tivo cinco sesións durante o ano 2025 en Boiro, Allariz, Arcade, Monforte de Lemos e Antas de Ulla. Trece mesas de traballo nas que participaron 147 persoas de características persoais e profesionais variadas de maneira presencial ás que se suman máis de 300 a través de enquisas en liña nas que se recolleron 240 preguntas. A Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do CCG levou a cabo este foro baixo a coordinación de Paula Cabaleiro co obxectivo de responder á pregunta de se en Galicia hai sensación de que se están a cumprir os dereitos de acceso á cultura de toda a cidadanía.

 Se ben o 76% dos participantes entende a cultura como un dereito básico da nosa sociedade, tal e como recolle o propio texto da Constitución Española, son ata un 60% deles o que afirma descoñecer claramente o concepto que os define. Tal e como se expuxo hoxe  durante a presentación deste informe, resulta necesario un esforzo de comunicación que faga entender estes dereitos máis alá do acceso pasivo a produtos culturais como mero público ou consumidor das industrias culturais para afondar nos dereitos da cidadanía á proactividade cultural e a formar parte das decisións en canto ás políticas culturais das súas administracións. Este documento que recolle sensacións e percepcións da propia cidadanía pero tamén de axentes privados ou institucionais da cultura, deixa en evidencia moitas fendas existentes neses dereitos. Cuestións como a dualidade rural-urbana ou capacidade socioeconómica, idade, xénero ou discapacidades condicionan enormemente esa sensación de sentirse ou non cubertos por ese dereito de xeito real para as persoas participantes. As desigualdades estruturais condicionan acceso e participación, segundo eles.

 

Malia que neste informe non se entra a valorar de xeito nominal a  responsabilidade de cada administración pública ou de cada programa de política cultural, si que se especifica que os participantes entenden que as solucións pasan por incrementar recursos económicos e humanos e dar acceso a eles á cidadanía, así como ao deseño das propias políticas culturais aumentando os graoe de cogoberganza para facela participativa a través de instrumentos de comunidade.  O documento insta a todas as administracións a avanzar neste mesmo sentido. A folla de ruta que se propón nun decálogo pasa pola creación de de estruturas de gobernanza participativa, coo consellos cidadáns e orzamentos participativos; equilibrio entre perfís programadores e mediadores nas institucións culturais; descentralización de recursos; incorporación transversal de perspectiva de xénero e da accesibilidade universal e unha comunicación clara e comprensible que posibilite que a cidadanía coñeza e reivindique os seus dereitos.

 

Que che parece esta nova?
515 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Políticas Culturais, Paula Cabaleiro, Consello da Cultura Galega, Ulla...