O CCG avanza a programación de outono ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura

Celebrou o último plenario do semestre

Celebrou o último plenario do semestre
Deste xeito, o CCG organizará en outubro actividades de conclusión de dous foros que celebraron as súas sesións de traballo durante o primeiro semestre. Deste xeito, en outubro presentaranse un documento no que se reúnen as numerosas achegas presenciais e electrónicas das seis sesións de “Un país coa súa lingua. Foro participativo”, e que abordaron o futuro da lingua galega desde a perspectiva educativa, da administración, da sanidade, ciencia, comunicación, economía ou a participación comunitaria, entre outros temas. O foro estivo coordinado por Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG. Tamén en outubro se celebrarán as conclusións do foro “Acceso á Cultura en Galicia 2025”, que de xeito descentralizado ao longo do país, recolleu a visión de axentes culturais ao redor da comunicación, o territorio, a participación e a interseccionalidade.



O Consello da Cultura Galega homenaxeará tamén á fotógrafa Anna Turbau nun acto o 27 de outubro, cando se presentará o catálogo en liña dos fondos de imaxes que Turbau cedeu ao Consello da Cultura Galega. Neste semestre tamén se celebrará a xornada ‘Feminismo e fotografía’. O CCG manterá a súa liña de programación habitual con ciclos xa establecidos, como ‘Revisando a nosa arte’, no que se estudará a figura do pintor Francisco Miguel. Ao tempo, prepáranse actividades vinculadas ao Día do Patrimonio Inmaterial (17 de outubro).