Fotograma de Alicia en Galicia Caníbal de Xavier F. Villaverde (1987)
Unha mostra representativa da arte galega contemporánea está presente na agardada nova colección do Museo Nacional de Arte Contemporáneo Reina Sofía, Arte contemporáneo: 1975-Presente, que abrirá a partir do 18 de febreiro. Os nomes seleccionados foron Xavier F. Villaverde, Carlos Alcolea, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Antón Reixa, Antón Patiño, Manuel Vilariño, Vari Caramés, Xurxo Lobato e Carlos Rodríguez-Méndez. A nova escolma do museo, dirixido polo coruñés Manuel Segade, ofrece 403 obras de 224 artistas e "pretende poñer en valor a aportación da arte contemporánea española a través de tres itinerarios". A mostra ocupa toda a cuarta planta do Edificio Sabatini, con máis de 3.000 metros cadrados, dividido en 21 capítulos.
A selección de artistas galegos amosa certo peso do Grupo Atlántica (Lamas, Leiro, Reixa, Patiño) e dos fotógrafos coruñeses (Vilariño, Caramés, Lobato, Villaverde), todos agrupados no Itinerario III: "Un marco novo: a institución, o mercado e a arte". Deste xeito, na sala 16 "Culturas videográficas dos anos oitenta: A imaxe sublime", atopamos a Xavier F. Villaverde (A Coruña, 1958) con Alicia en Galicia caníbal (1986), obra de videoarte incluída nos oito monitores da sala. Na sala 17, "Unha pintura máis pintada", atópase Carlos Alcolea (A Coruña, 1949 – Madrid, 1992), artista clave da Nova Figuración Madrileña, con Matisse de día, Matisse de noche (1977). Menchu Lamas (Vigo, 1954) con O siameses do círculo (1985), Francisco Leiro (Cambados, 1957) coa escultura Tou Tou (1984), Antón Reixa (Vigo, 1957) ou Antón Patiño (Monforte de Lemos, Lugo, 1957).
A Sala 18, "Arte e realidade nas culturas fotográficas dos oitenta" inclúe traballos de Manuel Vilariño (A Coruña, 1952), Vari Caramés (Ferrol, A Coruña, 1953), Xurxo Lobato (A Coruña, 1956). A Sala 10, "Duelo: o triunfo da ficción" amosa a instalación Región de validez (2007-2017), que explora a ausencia e a memoria, adquirida en ARCO polo Ministerio de Cultura.



