O proxecto M8 por ler propón crear unha rede arredor do libro en galego

A plataforma dixital protagonizará unha actividade de mediación lectora no vindeiro Salón do Libro de Pontevedra

| Santiago. Redacción | Seccións: literatura
Compartir:
O proxecto M8 por ler propón crear unha rede arredor do libro en galego

O Concello de Pontevedra acollía o pasado 10 de febreiro a presentación da plataforma M8 por ler. Esta iniciativa promovida pola Fundación Xistral quere ser unha plataforma virtual para "espallar a lectura e os libros en galego e xerar un diálogo arredor deles". Para alén dun portal propio, xa dispoñible na rede, o proxecto desenvolverá un primeiro encontro de mediación lectora no marco do vindeiro Salón do Libro da Cidade do Lérez.

O novo portal preséntase como "unha ferramenta que constrúe un diálogo arredor dos libros en lingua galega e co resto de axentes, caso das persoas lectoras, autoras e editoras", e inclúe un catálogo que pretende recoller todos os libros oficialmente rexistrados que foron publicados na nosa lingua. Para alén disto, a plataforma incorpora funcionalidades de redes sociais que permiten valorar obras ou facer listas de libros e que darán pé a recomendacións personalizadas para diferentes perfís lectores. A proposta conta xa con máis de 500 participantes. 

 

Pola súa banda, a actividade de mediación no Salón do Libro reunirá o 7 de marzo librarías, clubs de lectura, bibliotecas e persoas dedicadas á divulgación do libro galego nas redes. Así, unha primeira mesa contará con Espazo Lectura, Anxos Rial, Susana Arins e Alba Blanco a dar conta de diferentes iniciativas de lectura colectiva. As bibliotecas protagonizarán un segundo espazo de debate coa presenza de representantes de Queeruña, as Bibliotecas Escolares de Galicia, a asociación BAMAD e o proxecto itinerante Bibliofogar, do Concello de Soutomaior.

 

Finalmente, a divulgación nas redes protagonizará unha terceira mesa con Miguel García-Fernández (@lectureo en Instagram), Ivana Gómez (@Libroselibros), Chus G. Dorrego (A biblioteca de Chus en Facebook e Instagram) e Mónica Cores (@libroscontos). Manuel Bragado, antigo director de Edicións Xerais, fechará o encontro cunha palestra sobre "A necesidade da mediación lectora".

Que che parece esta nova?
101 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Nace o portal Redelibros

Tentará servir de punto de encontro dos lectores e canle de comercialización das librarías