O Festival Converxencias programa 16 actividades entre Braga e Galicia

Este punto de encontro cultural e lingüístico co país veciño cumpre doce anos

| Santiago. Redacción | Seccións: LinguaEspectáculos
Compartir:
O Festival Converxencias programa 16 actividades entre Braga e Galicia

Un ano máis, e van doce, o Festival Converxencias achegará as linguas e culturas galega e portuguesa con actividades conxuntas e intercambiadas entre ambos lados da "raia". Ata o 15 de marzo prográmanse un total de 16 actividades entre Galicia e Portugal que abranguen concertos, teatro, cinema e poesía, entre outras actividades. As actividades, que xa se levan desenvolvendo desde o pasado 10 de febreiro, celebraranse durante case un mes entre a localidade lusa de Braga e as galegas de Padrón, Ponteareas, A Estrada e Santiago de Compostela. 

Esta acción estratéxica do goberno galego a prol do impulso da lingua galega e os vencellos coa lusofonía, realízase ao abeiro da coñecida como a Lei Valentín Paz-Andrade. Na presentación o secretario xeral de Lingua do goberno galego, Valentín García, sinalou como unha das citas máis destacadas o tradicional tributo deste festival a José Afonso e Rosalía de Castro. Nesta edición, actuarán o grupo Canto D’Aquí xunto coa Orquestra Filarmónica de Braga, que terá lugar o vindeiro domingo, 22 de febreiro, nesta mesma cidade lusa. Tamén quixo destacar o concerto da cantora galega Uxía, de xira de celebración dos 40 anos de actividade profesional, ou o recital de poesía Gallaecia, que contará coas autoras Cátia Cardoso e Elba Pedrosa. De igual xeito, subliñou a posta en escena da representación teatral de 'Agora as vellas e os vellos xa se poden namorar' do grupo Pena do Equilibrio, do municipio pontevedrés de Ponteareas, ou a celebración dun ciclo de cinema galego, en Braga, que inclúe a proxección de Deuses de Pedra, de Iván Castiñeiras, e O Corno, de Jaione Camborda. 

 

Culminarán as propostas desta ampla programación os concertos conmemorativos dos 40 anos de Canto D’Aquí, en Ponteareas, e dos 90 do grupo folclórico Dr Gonçalo Sampaio, nunha actuación que terá lugar en Santiago de Compostela, o 15 de marzo. Toda a programación, datas e localizacións, poden consultarse no Portal da Lingua Galega.

Que che parece esta nova?
155 lecturas 1 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito