
A vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o director do Instituto Cervantes de Lisboa, Javier Rioyo; e o director do Jornal de Letras, José Carlos Vasconcelos, participarán mañá na mesa Galicia e Portugal, culturas en diálogo, moderada polo subdirector da Dirección Xeral do Patrimonio de Portugal, Samuel Rego.
O vindeiro martes 19 de maio a literatura e a música tamén tenderán pontes entre Galicia e Portugal cun recital poético Voces compartidas, da man das poetas galegas Yolanda Castaño, Eva Veiga e Alba Cid, xunto coa poeta, crítica literaria e ensaísta portuguesa Maria João Cantinho.
Vidal Bolaño
O ciclo, que se desenvolverá en todas as xornadas a partir das 19 horas no Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa, con entrada libre, enmárcase na estrea da versión lusa da obra de Roberto Vidal Bolaño Saxo tenor, primeiro título da dramaturxia galega levado ás táboas polo principal teatro público do país veciño.
Precisamente, o dramaturgo galego será o protagonista da sesión de clausura do ciclo, o 26 de maio, na que se proxectará o filme Doentes e previamente á proxección, o director do Centro Dramático Galego (CDG), Manuel Guede, compartirá co público a súa visión sobre a singularidade da obra de Vidal Bolaño.