Cartel do documental 'Ao son da nova regueifa'
O Auditorio do Centro Cultural e Veciñal de Valladares en Vigo será o centro neurálxico da arte da regueifa unha vez máis este febreiro. A celebración da XXVIIIª edición do Certame Internacional de regueifas reunirá desde este sábado e a seguinte fin de semana diversos xeitos de achegarse a esta espectacular forma de expresión caracterizada polo bo humor e o enxeño no marco da improvisación. Haberá espectáculos de regueifa, rap, musicais e de improvisacións ademais de audiovisuais e coloquios.
A Asociación O.R.A.L. organiza este encontro que conta con actividades a comezar este mesmo sábado, 14 de febreiro, con catro espectáculos diferentes e horario vespertino (19:00 horas) e con entrada de balde. A artista viguesa Constance Hurlé ofrecerá unha sesión de poesía participativa e improvisada; catro destacados participantes da competición Ceibarrimas porán sobre o escenario o Rap en estilo ceibe que lles caracteriza; a música virá coa actuación do trío Verter GZ e o actor e monologuista Pepo Suevos porá a guinda á noite dando mostra do seu bo facer na improvisación construíndo un monólogo a partires das palabras e situacións dadas pola veciñanza que se achegue ao acto.
Para a seguinte fin de semana, e dentro xa do certame internacional, o sábado a asociación O.R.A.L. ofrece a posibilidade de gozar da XII Mostra de improvisación, con rimas e retranca a esgalla, presenciando os distintos espectáculos nos que para mallar na regueifa contarán cunha mestura de repentistas experimentados e novas promesas. Desde Xairo D´Herbón, gran revelación no concurso do Espallarrimas de Carballo, Mani Braga, Nuria Penas e Tiziana Cruces ata Lita Martínez e Vento de Chico. Como colofón a xornada contará cun dos máis experimentados e importantes repentistas cubanos, Alexis Díaz Pimienta que para o seu espectáculo apoiarase na participación do público e na dos restantes compañeiros de escenario. Ademais a condutora do acto, Alba María, ofrecerá un concerto cantando xunto co pianista Nacho Muñoz , (tamén coñecido como Madamme Cell ou Parkour sonoro).
Na derradeira xornada do certame pasaranse dous documentais feitos no ano 2025 que teñen como nexo común a Regueifa. 'Regueifando con pracer' é unha cinta de 30 minutos de duración dirixida por Cora Peña, protagonizada por adolescentes do Club de lectura do Ies Marco de Camballón, de Vila de Cruces, no que se traballa un módulo didáctico sobre a Regueifa único en todo o país. Nese traballo, sobre o que haberá tamén un coloquio, o grupo de adolescentes fala dos seus inicios, ou vivencias e preocupacións arredor do sexo, o pracer e das relacións de amizade ou amorosas. En 'Ao son da nova regueifa', unha realización do músico e docente Manolo Maseda, amósase o traballo do colectivo Regueifesta para abrir novos camiños para a Regueifa, traballando coa mocidade e introducindo innovacións educativas e sonoras, co fin de facer máis atractivo o mundo da regueifa e da improvisación en verso para as novas xeracións. Esta produción quedou como finalista a mellor documental, dentro dos Premios Mestre Mateo 2025.


