Carballo acolle os V Premios Galegos de Regueifa

A xornada inclúe a proxección do documental Ao son da nova regueifa este sábado 10

9/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimoniomúsica
130 lecturas | Compartido 0 veces

Cartel de Ao son da nova regueifa

O Pazo da Cultura de Carballo acolle este sábado dez de xaneiro a gala na que se outorgarán os V Premios Galegos de Regueifa EspallaRimas. A partir das 18 horas, catorce participantes competirán entre si polo favor do xurado nun encontro que conta como convidada coa cantadeira ao desafío portuguesa Liliana Oliveira. A elección da persoa gañadora en cada categoría realizarase, ao igual que na anterior edición, por votación popular.
Canda ás regueifas a concurso, a gala inclúe tamén unha mostra do traballo que desenvolven a Escola de Regueifa de Carballo e a Escola Semente de Compostela arredor desta tradición oral. No marco da mesma xornada proxectarase ás 12 horas da mañá na biblioteca Rego da Balsa o documental Ao son da nova regueifa, producido por Undodez e dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas. O acceso a todas as actividades, que organiza o xornal La Voz de Galicia en colaboración con Calvo-Nauterra, a Xunta e o Concello, é libre.

De xeito paralelo, para o vindeiro seis de febreiro, a vila acollerá tamén a estrea da montaxe teatral Territorio Regueifa, que estaba prevista para a última edición do FIOT e que tivo que ser adiada. José L. Prieto asina e dirixe esta proposta na que dous regueifeiros e unha regueifeira "introdúcennos na arte da regueifa, as súas orixes , a súa evolución, e a súa vixencia na actualidade" a combinar música, improvisación e humor.

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves