Morre Xesús Alonso Montero

O profesor e escritor finou esta mañá en Vigo aos 97 anos de idade

12/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: LiteraturaNecrolóxicas
Compartir:

Xesús Alonso Montero

Ata hai moi pouco, con 97 anos, Xesús Alonso Montero seguía acudindo a actos e participando con lucidez na vida cultural galega. Pero o ronsel dun dos grandes eruditos e coñecedores da lingua e literatura de Galicia apagouse. Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) finou esta mañá en Vigo no Hospital Nosa Señora de Fátima. Alonso Montero foi catedrático de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, presidente da Real Academia Galega e vicepresidente do Consello da Cultura Galega cando se constituiu a institución e membro do seu plenario entre 2013 e 2017. 

Xesús Alonso Montero foi unha figura central da cultura galega durante a segunda metade do século XX. Cun gran compromiso político comunista a través do PCE, militou en organizacións antifranquistas e denunciou a situación do galego no seu Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973). Dedicou estudos a practicamente todas as grandes figuras da literatura galega, desde Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Luís Pimentel, Celso Emilio Ferreiro, Luís Seoane, Mendiño, Xosé Neira Vilas, Vicente Risco ou Álvaro Cunqueiro.

 

Ingresou na Real Academia Galega en 1993 a proposta de Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares e Ramón Piñeiro. Foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017. 

 

A pegada de Alonso Montero é inmensa en todos os eidos das letras galegas. Infatigable conferenciante e articulista en medios de comunicación, Alonso Montero reivindicou figuras esquecidas e memorias e sempre alentou os novos autores e creadores. 

Que che parece esta nova?
224 lecturas 1 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

22/04/2013

O camiño por diante

A celebración das letras galegas é dos primeiro retos de Alonso Montero á fronte da RAG

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Xesús Alonso Montero, Vigo, Literatura, Plenario...