A cultura lembra ao 'vello profesor' comprometido e engaiolador

Numerosas voces destacan o compromiso político e a "erudición extraordinaria" de Xesús Alonso Montero

13/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: LiteraturaNecrolóxicas
Compartir:

Xesús Alonso Montero no Consello da Cultura Galega

"Estabamos tan afeitos á súa presenza, sempre irradiando vitalidade, folgos e entusiasmo, que nunca pensabamos que un día nos ía deixar", con esta frase Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, resumía o sentir de moitos no día de onte e tamén unha característica da personalidade de Xesús Alonso Montero: estar presente. O 'vello profesor', como se lle coñecía con frecuencia, foi se cadra o último dunha caste de grandes conferenciantes que a partir dos anos 50 percorreron o país demostrando a súa erudición ao redor dun gran tema. Monteagudo quixo escribir unhas frases persoais sobre quen calificou como "un intelectual puro, cortado polo patrón do seu tempo pola amplitude e diversidade dos seus saberes, polo seu radical compromiso social, político e moral (para el indisociables), e pola súa entrega á divulgación do coñecemento". Así o asegurou Monteagudo nunha tribuna publicada no web da Real Academia Galega. Alonso Montero fora presidente da institución entre 2013 e 2017.  

Tamén desde o Consello da Cultura Galega se valorou o pasamento de Alonso Montero. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, cualificou a súa perda como “un pesar fondísimo para a cultura galega e, de maneira moi especial, para esta institución, na que desempeñou un papel determinante nos seus inicios”. O Consello valorou o traballo de Alonso Montero na institución ao longo da súa vida: "destacou na recuperación e posta en valor de figuras sobranceiras da nosa cultura, promovendo iniciativas como o congreso e a publicación das actas dedicadas a Curros Enríquez, así como estudos e accións arredor de María Victoria Moreno, Amor Ruibal ou Florencio Delgado Gurriarán. Por outra, desenvolveu un intenso labor investigador arredor da Guerra Civil e do exilio galego como mostran a participación de publicacións da institución como O exilio galego: actas do congreso e repertorio biobibliográfico, O exilio galego de 1936: política, sociedade, itinerarios, Guerra civil (1936-1939) e literatura galega e Resposta escontra unha inxuria". Os materiais de Alonso Montero no CCG poden ser consultados nesta páxina

 

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, lamentou a perda: "A cultura e a intelectualidade galegas perden a un dos pensadores máis relevantes da Galicia contemporánea. Por sorte, queda para sempre a súa ampla e valiosa obra".  Na USC tamén se expresou o "fondo pesar" por quen fora catedrático de Literatura Galega dsa universidade, e lembraron que xa en novembro de 2023, co gallo do seu 95 aniversario, a universidade celebrara unha homenaxe a quen a profesora Dolores Vilavedra tamén o definiu como "autor de páxinas xa imprescindibles da historia da literatura galega". 

 

A Asociación de escritoras e escritores en Lingua Galega (AELG) tamén "lamenta fondamente" o pasamento do escritor, "sumándonos á dor da súa familia e ao recoñecemento da súa prolífica obra". En La Voz de Galicia, Inma López Silva, que fora alumna de Alonso Montero, lembrou que "nos ensinou, ademais, que a literatura galega só sería menor se aceptabamos a nosa condición subalterna, que a situación da lingua podía ser reversíbel, e que as nosas figuras do pasado merecían a piadosa comprensión que só o saber histórico nos proporcionaba" e Manuel Rivas definiuno como "depositario da cultura das nosas Luces, as que ergueron os homes e mulleres da Xeración Nós. Coas súas investigacións, clases, traballos lingüísticos e nos campos histórico e social, co seu alento aos alumnos, como activista atento, esperto, levou da man a ese pobo na noite que resistiu a adversidade do franquismo". 

Que che parece esta nova?
153 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito