O camiño por diante

A celebración das letras galegas é dos primeiro retos de Alonso Montero á fronte da RAG

Nova directiva da Real Academia Galega, Andrés Torres Queiruga, Rosario Álvarez, Margarita Ledo, Alonso Montero e Henrique Monteagudo
Nova directiva da Real Academia Galega, Andrés Torres Queiruga, Rosario Álvarez, Margarita Ledo, Alonso Montero e Henrique Monteagudo
Este sábado a Real Academia Galega celebrou unha reunión plenaria na que elexiu ao seu duodécimo presidente. O novo cabeza visible da entidade é Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) que chega con numerosos retos ás súas costas. Entre os máis inmediatos, ultimar a celebración do Día das Letras Galegas do vindeiro 17 de maio, actividade central da institución.

Foi o plenario máis controvertido e mediático dos últimos tempos. O protagonismo da Real Academia Galega no conflito do Decreto do Plurilingüismo (o último episodio saldouse coa presentación dun recurso de casación perante o Tribunal Supremo), a demisión de Méndez Ferrín e o feito insólito da existencia de dúas candidaturas para presidir a entidade, foron algúns dos motivos que elevaron o interese público da Academia.

Dous días despois do seu nomeamento, Alonso Montero recoñece que xa se empeza a notar o seu mandato. “Hoxe dei unha conferencia nunha conferencia nunha facultade da Universidade do libro na que falei dunha efeméride, xa que se cumpren corenta anos da publicación o “Informe sobre a problemática da lingua galega” e no coloquio xurdiron cuestións que teñen que ver coa Academia, coa normativa sobre Roberto Vidal Bolaño… e nalgunha modestísima medida xa se está a notar”.

O máis inmediato: o Día das letras Galegas
No calendario próximo da Academia hai unha data fixada con urxencia. É o 17 de maio, o día das Letras Galegas e celebración que protagoniza a actividade anual da Academia. En menos dun mes, a nova directiva deberá planificar e xestionar as actividades coas que contribúe a difundir a obra do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. “Eu mañá estarei alí na Academia e será a primeira cuestión pola que me interese” asegura Alonso Montero. Ademais, recoñece que boa parte do acto que terá lugar en Santiago o vindeiro 17 de maio xa está organizado no esencial polo anterior equipo directivo. “Quedan detalles de intendencia, dito dalgunha maneira, que teremos que resolver nós e que hoxe mesmo están tratando de ver o secretario e o vicesecretario”. Con todo, considera que a celebración deberá contar “co decoro que ese día esixe e segundo coa relevancia que esixe unha personalidade literaria como Roberto Vidal Bolaño”.

A curto, medio e longo prazo: o idioma
“A Academia a curto, medio e longo prazo ten que levar adiante os obxectivos que están explicitados nos seus estatutos: facer algo pola ilustración, defensa e promoción do galego, tal como di o artigo número 1”. Deste xeito Xesús Alonso Montero evidencia claramente o carácter da Academia e cal han de ser as súas prioridades durante o seu mandato. Nese sentido, apuntou cara a próxima creación dun consultorio “para que os usuarios do idioma, cando teñan unha dúbidas saiban que instancia concreta dentro da academia lles ofrecerá unha solución”.

O novo presidente recoñece non ser partidario da actual norma pero asegura que “as normas e as leis están para acatalas”. E vai máis alá “se alguén ou algún grupo cualitativo e numeroso dos académicos algún día propón que hai que cambiar algún tipo de norma, haberá que discutilo no plenario”. Pero Alonso Montero tamén deixa ben claro que de existir esa proposta “nunca sairá de min nin do actual equipo directivo”. A súa intención é deixar a Academia dentro de catro anos (menos dous días) con estas mesmas normas.

Con respecto ao tema do Decreto, Alonso Montero remítese ao xa falado ao longo destes días. “A Academia vai tentar poñer en marcha todos os acordos que xa foron adoptados e lembrar que entre os obxectivos da academia está o dereito da lingua galega, pero sobre todo os dereitos dos falantes dos galegos, dos cidadáns. A Academia ten que defender eses dereitos en Galicia e fóra de Galicia, se é preciso na ONU ou en calquera instancia” asegura Montero.
A presenza feminina
Coa próxima entrada de Fina Casalderrey (tamén estará pendente o ingreso de Pegerto Saavedra) serán cinco as mulleres que conformen o plenario da Academia. Cinco de trinta postos (vintenove dependendendo de cómo se concrete a vacante deixada por Méndez Ferrín trala súa demisión como presidente e como académico). Delas, dúas ocupan por primeira vez na historia da institución postos na directiva. “A representatividade da mulleres é moi pequena aínda, pero que ocupen o 40% do equipo directivo ten o significado e a visibilidade que ten” recoñece o novo presidente. Con todo, Alonso Montero quere destacarnon o número senón a dimensión cualitativa. “Non són só dúas mulleres, que é a dimensión cuantitativa, senón que son dúas mulleres moi cualificadas. Rosario Álvarez é a máxima autoridade en gramática galega e Margarita Ledo, catedrática de Comunicación, é unha especialista de referencia no campo do cine documental e de ficción, é autora de traballos que os cineastas e expertos valoran”.

A vía de financiamento
Unha das cuestións máis comentadas durante a etapa de Méndez Ferrín á fronte da RAG tivo que ver coa busca de financiamento. Para alonso Montero “creo que o señor Méndez Ferrín se tiña pronunciando con precisión e con moito criterio sobre iso”. Recoñecendo a dependencia da Academia con respecto á Administración Central e Autonómica, seguirá insistindo de dialogando para manter e consolidar e, na medida que a situación o permita, incrementar esas partidas. “Son presidente dunha academia filolóxica que non é dos nacionalistas nin dos non socialistas, nin de ningún partido, é da sociedade galega e do que fala a sociedade galega e, conscientes de que as arcas públicas son pouco farturentas, trataremos que o señor Núñez Feijoo saiba que unha das primeiras obrigas do goberno galego é termar da Academia”. Con respecto á busca de financiamento privado, “nós trataremos de abrir outras vías para conseguir axudas complementarias pero non somos moi optimistas”.