A RAG celebra os 95 anos de Xesús Alonso Montero cunha entrevista

A conversa entre o académico e Yolanda Castaño inaugura unha serie de vídeos sobre membros da institución

29/11/2023 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: literaturaaudiovisual
17 lecturas | Compartido 0 veces

Escena da entrevista de Yolanda Castaño a Alonso Montero

Este 28 de novembro o membro da Real Academia Galega e antigo presidente da institución Xesús Alonso Montero fixo 95 anos. A coincidir coa efeméride, a RAG publicou na súa canle de Youtube a entrevista que a poeta Yolanda Castaño lle fixo a este recoñecido investigador. O audiovisual, de 38 minutos, repasa a traxectoria vital e intelectual do homenaxeado.
A presentación do proxecto cualifica a Alonso Montero como "mestre de mestres, autor dunha vizosa produción científica e divulgativa que abrangue múltiples campos de estudo da nosa lingua e da nosa literatura, dende autores galegos e alófonos á sociolingüística, así como a creación literaria e o articulismo". A súa traxectoria valeulle galardóns como o Otero Pedrayo (1988), o Pedrón de Ouro (1992), o Irmandade do Libro (1994), o Trasalba (2000) ou o Premio Cultura Galega das Letras (2019).

A RAG adianta que esta produción abre unha nova serie de entrevistas con membros do pleno da institución que se irán publicando na rede.


Universo culturagalega.gal