Escavación na praza do Pracer (Tui)
Desde o século XIX, a turbulenta historia de Tui tiña despistados os eruditos sobre as orixes romanas da cidade, o estratéxico emporio de Tyde do que falaban os historiadores da Antigüidade. Achados dispersos por diferentes espazos levaban a pensar que o poboamento orixinal da vila estaba aos pés, en San Bartolomeu de Rebordáns ou outras localizacións próximas. Pero desde o ano 2002 a cidade vive unha pequena revolución que agora se confirma cunha nova intervención arqueolóxica na Praza do Pracer, onde apareceron cinco contundentes muros romanos. As escavacións urbanas no outeiro no que se emprazou na vila medieval revelan que Tyde estaba exactamente aí, onde logo medrou a súa catedral-fortaleza e unha próspera vila medieval nacida ao abeiro do comercio e a fronteira.
"Hai que visualizar ese Tui romano como Bílbilis (preto de Calatayud, Zaragoza) ou Ilerda (actual Lérida). Os edificios públicos, coma os foros, a administración ou os templos na zona superior, na área na que agora está a catedral e outros edificios", explica o historiador Suso Vila, que ten estudado detidamente a evolución histórica da cidade. "E logo o poboamento romano que vai baixando pola ladeira ata o río. Nas primeiras intervencións feitas por Juanjo Perles decatouse de que os socalcos nos que se se asentan as casas de Tui son de orixe romana". Así que en certo xeito, a Tui romana debía ter unha apariencia moi parecida á actual, coas rúas correndo en paralelo ao desnivel do outeiro e cara o mar.
Esta visión choca moito coa idea tradicional do Tui romano, no que se pensaba que o poboamento se estendía na zona chaira, máis que no outeiro actual. Non era unha idea ao chou: en efecto, na campiña tidense aparecen numerosas evidencias de poboamento romano por múltiples sitios. Pero isto son as Rías Baixas. Pode haber lugares e casas por todas partes pero segue existindo un centro. "E este centro era o outeiro de Tui", ten claro Vila.
A escavación que se está levando a cabo na praza do Pracer, en pleno casco vello tudense, como control de cara a prantación de arborado, revelou a existencia de cinco estruturas romanas diferentes. Segundo o arqueólogo responsable da intervención, Juanjo Perles, a cronoloxía vai marcada pola presenza dos materiais e das técnicas construtivas. "O que se pode ver é de momentos diferentes. O poboamento está construíndose e reconstruíndose continuamente desde época altoimperial", explica Vila, poñendo e relación o que se observa na praza do Pracer coas escavacións temperás, do 2002, do Casino Vello de Tui. Para Perles, os materiais cerámicos localizados confirman esa dilatada secuencia tudense, entre o século II e o VI despois de Cristo.
Entre os achados, figura unha estrutura absidial, que en declaracións a La Voz de Galicia Juanjo Perles opina que pode corresponder a un forno ou a un ábside dunha igrexa palocristiana, ou a algo distinto. "Moi preto da escavación, nunha casa, está reutilizado un capitel xónico, que xa é unha tipoloxía pouco habitual, que logo foi reutilizado na Idade Media como alquerque para xogar", explica Suso Vila, "e se cadra teña que ver con todo o que está aparecendo".
A cidade tivo importancia estratéxica en diferentes momentos da historia do país. Os niveis altoimperiais localizados en diferentes puntos da cidade vella revelan que o emprazamento xa foi estratéxico desde os primeiros momentos da conquista. "As datacións máis antigas atopámolas moi preto da catedral, no século I a.C.", explica Suso Vila. Porén, Tui foi tamén capital do reino de Galicia cando estivo subordinada ao reino visigodo durante o reinado de Witiza, en época tardoantiga. A cidade foi aparentemente abandonada tralos ataques viquingos ata que a sé é restaurada polo rei García de Galicia no século XI. E vaino facer abaixo, en san Bartolomeu de Rebordáns. De aí a orixe da confusión sobre as orixes de Tui.
As novas intervencións arqueolóxicas poden levar a unha nova conclusión: onde está o Tui romano? Pois en todas partes, pero non do mesmo xeito en todas.



