A cidade romana de Armea esténdese cara a Idade do Ferro e a Idade Media

As novas intervencións no xacemento alaricano revelan a prolongada ocupación do sitio

As novas intervencións no xacemento alaricano revelan a prolongada ocupación do sitio
Atrio da domus leste en Armea. Foto: Universidade de Vigo
No espectacular xacemento romano de Armea, con evidencias de ocupación durante o Alto Imperio romano, había dúas incógnitas. Por unha banda, a relación que podía ter co castro existente no outeiro de Armea. Aínda que o urbanismo do xacemento era plenamente romano, os achados dunha plástica de orixe galaica eran tan ricos que era difícil non pensar na continuidade cultural do espazo. Por outra banda, a terraza na que se sucedían as escavacións estaba aos pés dun pequeno outeiro cun gran dominio visual chamado A Atalaia, o cal levaba a pensar que podía existir algún tipo de fortificación. Ata esta campaña non se detectaran nin evidencias anteriores ao mundo romano nin restos defensivos. Pois ben, todo cambiou na campaña deste ano. O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo anunciou algúns dos principais achados, e son espectaculares. Os arqueólogos lograron localizar a case tres metros de profundidade unha típica cabana castrexa. "É unha casa redonda, circular, e recuperamos materiais arqueolóxicos asociadso, e non é material romano, é unha casa pre-romana e de tipo castrexo", sinala Adolfo Fernández, director da intervención. O achado confirma a existencia dun poboado castrexo por debaixo do impresionante tecido urbano de Armea. Por outra banda, os investigadores localizaron no Alto dos Pendóns -aínda que non no lugar exacto coñecido hoxe como A Atalaia-, o punto máis prominente do castro, restos de "un pequeno castelo ou fortificación, aínda non sabemos moi ben, de época medieval. Posiblemente estemos perante a torre que aparece no escudo da parroquia de Santa Mariña, que non se sabía moi ben de onde viña”.

Pero a campaña ofreceu outro achado espectacular e pouco habitual no rural galego: o patio da domus leste, aínda co seu enlousado orixinal e coas escaleiras de acceso ao segundo pisto. A iso sucédense outros achados pouco frecuentes, como denarios de prata do século I a.C. ou un "brazalete tipo torque moi ben decorado".


Nivel da Idade do Ferro por debaixo das estruturas romanas en Armea. Foto: Universidade de Vigo


Brazalete "tipo torque". Foto: Universidade de Vigo