O Bunker Miraveo, na Coruña, acollía este 6 de febreiro a gala de entrega da V Bolsa Ensaia. Os 10.000 euros en metálico con que está dotada esta iniciativa a prol da a creatividade entre a xente moza do país foron para Hadrián Jamardo polo seu proxecto de banda deseñada No cine.
Segundo apunta o fallo do certame, o autor "nesta obra de banda deseñada, explora a necesidade humana de evasión a través da arte, contrapoñendo a aceleración social urbana coa vida analóxica do noso rural". Ao tempo "a través das súas viñetas, Hadrián convídanos a mirar a nosa cultura con outros ollos, demostrando que o cómic é un soporte fundamental para documentar e transmitir quen somos".
Jamardo foi a primeira persoa que repetiu como finalista desta convocatoria, o que para a organización é "testemuña do seu talento". O gañador "entende o debuxo como unha ponte para conectar coa realidade e a súa proposta busca dignificar a banda deseñada como unha ferramenta de reflexión e identidade".
Esta iniciativa, que se sostén con achegas individuais de preto de 300 persoas anónimas, apoia o talento de persoas de 21 e 35 anos de todos os ámbitos. Ademais da bolsa, o proxecto Ensaia desenvolve programas de acompañamento a proxectos seleccionados, divulgación dos mesmos no pódcast As follas novas e unha residencia creativa que conta cunha dotación económica de 600 euros.



