Martiño de Braga, a batalla de Ponte Sampaio, Meirás ou Castrelo de Miño son algunhas da doce novas entradas que se incorporan ao catálogo en liña Lugares da Memoria. O Consello da Cultura Galega incrementaba o 4 de febreiro este proxecto que reúne 75 entradas a abranguer dende a Prehistoria ata a Idade Contemporánea, a Galicia territorial e mais a da diáspora da man de figuras da investigación de diversos ámbitos.
A nova actualización combina fitos xeográficos como o pazo de Meirás, Portomarín, o Panteón Real da Catedral de Santiago ou o encoro de Castrelo de Miño con persoeiros como o Arcebispo Xelmírez, Basilio Álvarez, Frei Martín Sarmiento, Juana de Vega, Basilio Álvarez ou Martiño de Dumio. A este súmanse entidades como o Seminario de Estudos Galegos e A Nosa Galiza ou fitos como a Batalla de Ponte Sampaio. A cargo das entradas atópanse nomes como Ramón Villares, Emilio Grandío, Henrique Monteagudo, Luís Domínguez Castro, Xosé Ramón Veiga Alonso, José Miguel Andrade Cernadas, Elena Freire, Julio Prada, Luís Calvo, J. Eduardo López Pereira ou Miguel Cabo.
No proxecto, segundo recolle a presentación do seu coordinador, Xosé Manoel Núñez Seixas, a seguir definición do historiador francés Pierre Nora, "son lugares de memoria toda sorte de entes tanxíbeis e intanxíbeis, quer espazos físicos e conceptos -incluíndo expresións e termos-, quer prácticas e obxectos que, por desexo de actores concretos e representativos dunha comunidade, se converten co paso do tempo nun elemento simbólico para ese colectivo ou comunidade determinada".



