Os outros lugares de memoria (I): a Galicia occidental

Coñecemos outros espazos vinculados á represión política e social

Coñecemos outros espazos vinculados á represión política e social
Monumento aos Mártires de Sobredo. Foto: Dionisio Pereira
O Pazo de Meirás converteuse no emblema dun movemento de reivindicación de lugares vinculados á memoria do franquismo e a ditadura, pero Galicia está chea de espazos ligados de maneira moi intensa a vítimas e episodios de violencia política contemporánea. Escenas de asasinatos, edificios confiscados, monumentos e outros espazos constitúen un legado aínda por explorar. Deles tamén se está a tratar na xornada "Que facer cos lugares de memoria do franquismo?", organizada polo Consello da Cultura Galega en Sada. Falamos con historiadores especializados en memoria histórica para coñecer algúns destes espazos na Galicia atlántica. Será a primeira parte dun contido que a finais de xullo permitirá tamén coñecer outros lugares de memoria na Galicia do interior.

Que a memoria do franquismo e outras vítimas da represión no século XX é moi descoñecida pódese exemplificar na propia confección do mapa que acompaña esta reportaxe. Para ela, solicitamos a súa colaboración a varios dos historiadores participantes nesta xornada do CCG: Dionisio Pereira, Raúl Soutelo, Aldara Cidrás e Manuel Pérez Lorenzo. Nun Google Maps inzado de referencias turísticas e hoteleiras, a localización destes espazos, de gran valor para as comunidades locais, non foi doada de facer unicamente a partir das referencias textuais. A maior parte deles nunca foron etiquetados polo público.



A memoria dos movementos sociais alternativos de antes da Guerra Civil foi abordada polo historiador Dionisio Pereira, quen escolmou para esta reportaxe cinco espazos. En primeiro lugar, o monumento, localizado no cemiterio coruñés de San Amaro, en memoria das vítimas da folga xeral do 30 e 31 de maio de 1901, acontecida na Coruña. "Conmemora a que foi a primeira folga xeral obreira en Galicia e unha das primeiras no Estado español, que tivo como tráxico resultado 8 mortos (5 homes e 3 mulleres)", sinala Pereira, quen indica que se atopa en "regular conservación". O monumento foi erixido en 1906 polas sociedades obreiras coruñesas.

Outro espazo, hoxe moi visible na Coruña, é a Casa das Cigarreiras, sita na Costa da Palloza, e que foi rematada de construír en 1936, poucos días antes do golpe de Estado, pola Unión Tabacaleira, o sindicato das traballadoras da Fábrica de Tabacos. A casa estaba pensada como punto de xuntanza das cigarreiras xubiladas pero foi incautada tralo golpe de Estado, e devolta na democracia á UXT, onde hoxe alberga a Asociación cultural "As cigarreiras". Tamén en Darbo (Cangas) localízase a casa do Pobo, edificada por tres colectivos obreiros no ano 1923 e que foi incautada trala guerra. Hoxe pertence ao concello.

En Vigo, no cemiterio de Pereiró, atópase a tumba de Ricardo Mella, "destacado escritor e pensador anarquista Ricardo Mella Cea, un dos máis relevantes do movemento libertario mundial", segundo Dionisio Pereira, cun busto esculpido por Asorey a finais de 1925. Xa en Tui, no lugar de Sobredo, na parroquia de Guillarei, o monumento aos mártires de Sobredo, vítimas da loita antiforal e mortos en 1922, conta cunha historia singular. O monumento, obra do escultor Camilo Nogueira e inaugurado en 1932, foi dinamitado polos fascistas e recuperado parcialmente en 1988. Tamén o historiador Raúl Soutelo destaca outro monumento conmemorativo de labregos vítimas durante protestas no século XX é o dos mártires de Cans, na parroquia sonense de Nebra. En Sada, Manuel Pérez Lorenzo engade tamén o monumento homenaxe ás vítimas da represión franquista nese concello, inaugurado no 2007: "Conta cunha placa de bronce no que se reproducen os nomes das persoas asasinadas".

É precisamente Raúl Soutelo tamén chama a atención de lugares de morte, como poden ser o Confurco, onde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza erguiu un monumento en conmemoración ás vítimas da represión desta comarca no lugar no que foron executados varios veciños, ou o monolito localizado na Ribeira do Freixo, na estrada de Outes a Muros, no que se dá conta da execución alí de cinco veciños da zona. A historiadora do grupo Histagra da USC tamén quixo destacar A Caeira, en Poio (Pontevedra), "un dos principais puntos de execución escollidos polos golpistas na bisbarra de Pontevedra. Unha das vítimas máis coñecidas foi o galeguista Alexandre Bóveda, quen dende 1996 dispón dun monumento ao seu nome no lugar onde se celebran actos polo "Día de Galiza Mártir" cada 17 de agosto, data do seu fusilamento". Outro lugar de forte impacto emocional é a coñecida como 'volta dos nove', fronte a praia de Baredo, en Baiona (Pontevedra), mencionada na xornada por Montse Fajardo. Alí foron executados en 1936 nove veciños do val Miñor que foran sacados da cadea de Vigo unhas horas antes. Durante moitos anos na terra aparecían rascuñadas nove cruces en memoria daqueles asasinados.

Nalgúns casos, os especialistas escollen non tanto o lugar da morte como o espazo biográfico máis vinculado aos asasinados como é o caso da Escola de Souto (Carnoedo, Sada), onde Manuel Pérez Lorenzo relata que "nesta escola nacional impartiu aulas nos anos finais da Segunda República o mestre Rafael Fernández Casas. Escritor e activista cultural, a súa práctica docente caracterizouse pola innovación pedagóxica. No andar superior vivía coa súa familia cando, en agosto de 1936, foi capturado por falanxistas e paseado en Trasanquelos (Cesuras)".

Os cementerios son tamén o espazo de lembranza de diversos alcaldes asasinados durante os sucesos do 36. Manuel Lourenzo López chama a atención sobre o Cemiterio do Fiunchedo (Sada), no que "están enterradas varias vítimas de represión: o alcalde republicano Antonio Fernández Pita, sentenciado a morte e executado, o dirixente galeguista Xohán Antón Suárez Picallo, paseado, ou o dirixente anarquista José Monzo, que se suicidou logo de dous anos fuxido para evitar que o matasen. Tamén descansan os restos do xornalista e político galeguista Ramón Suárez Picallo, morto no exilio en Bos Aires en 1964 e repatriado a Sada no ano 2008.

Aldara Cidrás tamén expón un dos escasos sitios recoñecidos como lugar de memoria a nivel oficial en Galicia: o campo de concentración de San Simón, un dos moitos localizados no litoral galego. "Foi empregado entre 1936 e 1943 como colonia penitenciaria polas tropas sublevadas e o réxime franquista. Xunto ao barco que tamén serviu como penal improvisado Upo Mendi, chegou a ter milleiros de reclusos (a meirande parte deles preventivos), facendo as condicións de vida profundamente precarias. No 2005, foi designado pola Xunta de Galicia lugar de memoria da violencia da guerra civil", destaca a historiadora.

Pode consultar a lista completa no mapa incrustado.