Alingua presenta un Catálogo de referentes para o galego

Corenta nomes de diferentes áreas explican a súa relación coa lingua neste proxecto

8/11/2023 | Santiago. Redacción | Seccións: lingua
45 lecturas | Compartido 0 veces

Presentación do Catálogo de Referentes no Concello de Teo

Un Catálogo de referentes que presenta corenta casos de persoas destacadas en diferentes ámbitos en relación co galego é a proposta que a plataforma Alingua presentou este 7 de novembro. A entidade, que agrupa servizos de normalización de 20 concellos, presenta esta iniciativa como "un compendio en permanente medra onde se recollen figuras destacadas de diferentes ámbitos sociais e culturais que desenvolven en galego tanto o seu día a día coma a súa traxectoria profesional". Coa proposta, a plataforma quere "visibilizar os usos reais da lingua en ámbitos diversos e de prestixio e de achegar referentes que conecten coa mocidade".
Segundo explica Alingua, o proxecto amosa a relación coa lingua de nomes do ámbito creativo como "María Vázquez, Xosé A. Touriñán ou as integrantes da compañía teatral A Panadaría, ilustradores como Luís Davila, as voces de Tanxugueiras, Mondra, Grande Amore ou Fillas de Cassandra e as sinaturas literarias de Ledicia Costas, Antía Yáñez ou Ismael Ramos". A pintora Aroa Outón, a fotógrafa e deseñadora Zeltia Iglesias Rodríguez ou a muralista Nana están tamén presentes neste apartado.

No campo da ciencia o catálogo conta con Iria Veiga, Sonia Villapol ou Xacobe de Toro, do deporte Sechu López e Rocío García Eiras, da gastronomía Lucía Freitas e Javi Olleros ou da comunicación, como Rodri Míguez, Mario Brión, María Rúa ou Esther Estévez. Canda a estes, Iago Gordillo, Javi Boquete ou Verónica Bolón desde as novas tecnoloxías, a performer Meiga-I, a sindicalista Isabel Vilalba e as escritoras María Reimóndez e Nee Barros no activismo completan este catálogo. Cada unha das persoas participantes conta cun perfil e un texto sobre a súa experiencia coa lingua no web da campaña.

Os textos e os vídeos destes referentes complétanse cunha guía didáctica que propón ao alumnado actividades para empregar a nosa lingua en diferentes áreas a partir dos persoeiros escolleitos. Os centros de ensino participantes recibirán ademais un cartel impreso para traballar e ampliar os referentes do alumnado.

En paralelo a este catálogo, Alingua publicou no seu web a Cartografía sensorial, un espazo virtual que recolle "paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade e que ten como obxectivo amosar a riqueza das falas galegas e visibilizar e enxalzar a diversidade lingüística dos concellos que integran a asociación". As propostas intégrase na campaña de difusión É túa. Pásaa!, que a entidade puxo en marcha este mesmo ano.

Universo culturagalega.gal