Vista do Castelo de San Felipe
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso asinaron un convenio de colaboración para desenvolver o plan de acción para impulsar a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial da Unesco baixo a denominación "Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración". A candidatura forma parte da Lista Indicativa da Unesco a Patrimonio Mundial desde o ano 2007 e o obxectivo é conseguir a súa promoción de cara ao 2027. O plan de acción céntrase especificamente no reforzo da implicación cidadá e na xeración de apoio social arredor da candidatura, baseada no patrimonio ilustrado que define a cidade de Ferrol. A Deputación da Coruña achega 80.000 euros para financiar as actividades, mentres que o Concello de Ferrol completa o financiamento restante, outros 20.000 euros.
O convenio asinado recolle diversas accións como o plan de medios, que pon a disposición unha páxina web oficial e perfís nas principais redes sociais. Así mesmo, establécense liñas de agasallos institucionais e públicos -para nenos e adultos- co obxectivo de que todos os ferroláns teñan acceso aos mesmos. Outra das pedras angulares desta candidatura é a celebración cada ano do Festival Ilustrado de Ferrol, que chegou á súa quinta edición o pasado ano con actividades de balde para todas as idades e incentivando á cidadanía a saír ás rúas caracterizada e vestida como no século XVIII. No marco deste acordo, celebrouse tamén a V Semana do Patrimonio Invisible, un proxecto de valoración de espazos relacionados coa candidatura que abre as portas de tesouros, habitualmente pechados, con visitas guiadas de pequenos grupos para que os seus usuarios garden na memoria unha experiencia cultural única.
O castelo de San Felipe tamén ten o seu papel protagonista neste plan de acción cun ciclo de actividades baixo o título 'San Felipe: a enxeñaría da defensa', que permitirá comprender a importancia do castelo explorando a súa historia, arquitectura e función estratéxica. A través dunha oferta de actividades diversificada e adaptada a distintos públicos, este poderá consolidarse como un referente turístico e educativo, contribuíndo á conservación e difusión do seu valor patrimonial. Por último, o convenio tamén comprende a redacción do Plan de Turismo Sostible adaptado á candidatura en base á cultura, o patrimonio e os produtos locais. Con el establécese un marco que garante a conservación e evita impactos negativos sobre os atributos do sitio e a súa contorna, así como a xeración de ingresos e oportunidades para a comunidade local.
