Presentan unha residencia creativa dirixida a músicos de raíz en Razo

Inserida no programa Interritmos traballará sobre a identidade visual

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:
Presentan unha residencia creativa dirixida a músicos de raíz en Razo

'Imaxe. Identidade  raíz contemporánea' é o título da residencia artística dirixida a artistas emerxentes de música de raíz residentes en Galicia, que terá lugar en Razo (A Coruña) entre o 2 e o 5 de marzo. Esta é a terceira das convocatorias de residencia do programa Interritmos. Raíces Vivas, unha iniciativa que busca acompañar aos talentos da música de raíz, poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial e crear unha ponte entre a tradición galega e o flamenco, a través de encontros no territorio e residencias creativas. O programa deste encontro diríxese a facer un proceso intensivo de traballo arredor da identidade visual, a imaxe persoal, a estética sonora e a comunicación profesional, entendendo a imaxe como unha extensión natural da música e do discurso artístico.

A inscrición xa está aberta para esta residencia que ten carácter gratuíto, incluíndo estancia e manutención e que terá un máximo de oito participantes. O programa Interrtimos. Raíces Vivas é un proxecto de cooperación promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural: Asociación Deloa (entidade coordinadora), Ribeira Sacra-Courel, Costa da Morte, Miño-Ulla, Salnés Ulla Umia, Asdecomor, Comarca de Lugo, Adercou, Terra e Auga, Sil Bibei Navea e Pontevedra Norte, no marco da intervención Leader de Galicia – PAC 2023_2027. Colaboran a Fundación Paideia Galiza e a Fundación Paco de Lucía. A residencia combina reflexión, práctica e produción real de materiais, co obxectivo de que cada artista saia cunha identidade visual máis clara, coherente e aliñada coa súa proposta musical. A inscrición está aberta ata o vindeiro 15 de febreiro na páxina web de Interritmos.

Que che parece esta nova?
251 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito