A presión social leva a modificar o proxecto de restauración da igrexa de San Pedro de Melide

A Consellería de Cultura renuncia a calear o exterior do templo, tal e como estaba previsto

2/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimonio
145 lecturas | Compartido 0 veces

Igrexa de San Pedro de Melie

O conselleiro de Cultura, José López Campos, o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes e mais a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaban este sábado 31 de xaneiro a vila de Melide coa intención de comprobar o estado das obras de restauración da igrexa de San Pedro, no centro da vila. A coincidir con esta visita, o responsable do departamento autonómico anunciou que finalmente non se van recebar nin calear os paramentos exteriores do templo tal e como estaba previsto no proxecto inicial.

Segundo sinalou López, "os técnicos que estiveron traballando sobre o terreo puideron chegar a conclusións tendo en conta tanto os aspectos construtivos como os valores históricos, turísticos e culturais, para levar a cabo a recuperación máis axeitada para o ben". Esta recuperación traducirase agora nun rexuntado dos espazos entre as pedras destes paramentos, o que manterá a imaxe que o templo posúe na actualidade. Canda isto, desde a Consellería anunciaron tamén a substitución dos tres pares de tirantes tensores instalados no templo para evitar problemas na estrutura e melloras na estanquidade interior

A proposta de caleado exterior do templo fora obxecto dunha grande contestación social que reuniu 2.000 sinaturas e promoveu diferentes mobilizacións contra esta actuación. O movemento contou co apoio técnico do Museo da Terra de Melide, que achegou diferente documentación e análises a demostrar que a edificación nunca contara con este tipo de cobertura. Deste xeito, segundo manifesta a entidade nas súas redes sociais "a solución de recebado non se xustificaba, nin dende o eido técnico, nin dende os propios parámetros históricos, estilísticos e conceptuais derivados do propio discurso de fábrica do inmoble".

Universo culturagalega.gal