Un investimento de 600.000 euros restaurará a igrexa de San Pedro, en Melide

As obras evitarán as filtracións de auga de garantirán a estabilidade dos muros do templo situado no Camiño Francés

Igrexa de San Pedro. Fonte: Consellería de Cultura
Igrexa de San Pedro. Fonte: Consellería de Cultura
A Xunta anunciou este 16 de xuño a licitación das obras de restauración da igrexa de San Pedro en Melide, situada na beira do Camiño Francés a Santiago. O investimento de 600.000 euros pretende "solventar diversas patoloxías que provocan o deterioro deste ben protexido, como é a entrada de auga polas fachadas, a cuberta e as fiestras, e os problemas de estabilidade dos muros".

Unha das principais actuacións previstas é a substitución do antigo sistema de atirantado de ferro instalado no templo por outro de aceiro inoxidable que garanta a estabilidade do conxunto. Ademais mudarase o material da cuberta, "afianzarase a seguridade das fábricas e dotarase de estanquidade aos muros e á torre mediante morteiros de cal tradicional".

A estes traballos súmase a substitución "dos elementos da carpintería exterior danados ou inexistentes, a rehabilitación das bóvedas, en particular a do presbiterio, e das revocaduras do interior da nave". As obras, cunha duración prevista de cinco meses, están financiadas a un 60% polo Programa Galicia Feder 2021-2027.