Exterior do CGAC
Procesando interrogantes. Apuntamentos arredor da relación entre arte e tecnoloxía, é o título completo do traballo co que Raquel Alonso Docampo ven de gañar o VIII Premio CGAC de investigación e ensaio sobre Arte Contemporánea. A autora reflexiona nos vínculos entre arte, pensamento e tecnoloxía, contribúe ao estudo dun tema sobre o que se investigou e publicou moi pouco tanto en Galicia como en España, segundo apuntou o xurado na súa resolución.
A comisión avaliadora destacou o rigor e a capacidade da autora para abrir novas perspectivas neste eido artístico. O xurado estivo presidido polo director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo, e integrado por María Marco Covelo, escritora, crítica de arte e comisaria, Chus Martínez Domínguez, xestora, crítica cultural e comisaria, e Jacobo Bugarín Osorio, artista, produtor de exposicións e docente. Todos eles valoraron a calidade literaria do texto, a súa profundidade analítica e a súa relevancia no contexto da arte contemporánea.
Raquel Alonso, nada en Vigo en 1996, é graduada en historia da arte e completou un máster en Mercado da Arte pola Universidade a Distancia de Madrid e o máster en Profesorado na UNED, ademais de contar con formación superior en Comercio Internacional e Márketing. Actualmente, prepara as oposicións ao corpo de Educación Secundaria, na especialidade Xeografía e Historia.
