Expertos exploran as relacións entre arte e pensamento no CCG

A xornada pódese seguir en directo por streaming

O Consello da Cultura Galega (CCG) estrea novo ciclo de xornadas que se chama “Entre... e a arte”. A primeira das paradas céntrase en analizar a relación existente entre o fenómeno artístico e o pensamento, e, polo tanto, titúlase “Entre o pensamento e a arte”. A cita, coordinada por Miguel Fernández-Cid, Asunta Rodríguez e Jesús Pastor Bravo, reunirá diferentes tipos de pensamentos filosóficos ou intelectuais que tratan sobre estas materias.

A primeira sesión deste ciclo serve para reunir diferentes tipos de pensamento filosófico ou intelectual que tratan sobre a arte, pero que non son exclusivamente estéticos senón máis globais. Os coordinadores desta cita presentaron a idea de tradución como punto de partida aos tres participantes desta primeira sesión. Así, José Yuste, investigador principal do grupo de investigación Traducción & Paratraducción (T&P) da Universidade de Vigo, falará de arte para traducir e ao revés. Deseguido, o videoartista e tradutor Tom Skipp intervén cun relatorio titulado “O ollo oínte”. Pola tarde, o filósofo, escritor, crítico e comisario de exposicións de arte José Jiménez falará da arte “na estela do pensamento”.

A xornada remata cun coloquio moderado por Asunta Rodríguez no que interveñen os tres relatores da xornada: José Yuste, Tom Skipp e José Jiménez.

O ciclo
Esta xornada inicia un ciclo que pretende analizar a relación da arte con outros campos de coñecemento, pero non ao estilo tradicional, tendo como emisor a arte, senón á inversa: cómpre saber como o público e especialistas doutras disciplinas se achegan á arte e á creación desde pensamentos máis ou menos estruturados.
O obxectivo deste ciclo é que recoñecidos especialistas conten en primeira persoa o seu modo de achegarse á arte, colaborando con artistas ou realizando propostas de claro compoñente creativo. Estas xornadas pretenden que profesionais alleos á xeración da obra artística falen dos procesos artísticos máis que abordar o tema desde a arte.