Ramón Villares recibirá o Premio Trasalba 2026

A Fundación Otero Pedrayo presentou as súas liñas de traballo para este ano e reelixiu presidencia

2/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: literaturahistoria
102 lecturas | Compartido 0 veces

Ramón Villares. Fonte: Consello da Cultura Galega

A Comisión de Goberno da Fundación Otero Pedrayo daba a coñecer este sábado 31 de xaneiro o fallo do Premio Trasalba 2026. O historiador Ramón Villares Paz foi recoñecido con este galardón "pola súa entrega á causa oteriana e polos moitos anos que leva dedicado a investigar ao esteo da Xeración Nós como historiador e xeógrafo". A entidade presentou ademais as súas liñas de traballo para o Ano Otero Pedrayo que agora comeza e reelixiu como presidente a Eduardo López Pereira.

Segundo salienta a entidade nas súas redes sociais "a Xunta de Goberno considerou que o ensaio Fuga e retorno de Adrián Solovio (Galaxia, 2018)", escrito por Villares," é, a día de hoxe, unha das pezas claves para achegarse ao escritor". Ademais, o fallo destaca que o galardoado "desde as súas responsabilidades de reitor da Universidade de Santiago e de presidente do Consello da Cultura, así como desde a súa actividade como investigador e catedrático, soubo integrar investigación e acción cultural, para entender mellor a Galicia contemporánea. Historiador de referencia, con merecido renome no campo da historiografía galega, libros seus, como Historia de Galicia, son hoxe piares fundamentais para o coñecemento da identidade galega, á que tanto aportou a vida e obra de Otero Pedrayo, desde unha perspectiva aberta a Europa", conclúe a entidade.

De cara a 2026, a Fundación marcou como obxectivos estratéxicos visibilizar a figura de Otero Pedrayo como Patriarca das Letras Galegas, reforzar a presenza pública da fundación e crear sinerxías con entidades como Real Academia e o Consello da Cultura Galega entre outras. A coincidir coa celebración do Ano Otero Pedrayo no noso país, prevé desenvolver reedicións de obras do autor, publicar unha antoloxía de textos comentados para estudantes de Bacharelato ou tirar á luz obra dispersa e inédita.

A presentación do documental Otero Pedrayo e a paisaxe, este 2 de febreiro no Pazo de San Roque, en Compostela e unha exposición itinerante sobre a súa figura son outras das propostas que se desenvolverán ao longo destes meses. O encontro deste sábado 31 deu tamén reelección da directiva da fundación, que seguirá a encabezar Eduardo López Pereira durante os vindeiros catro anos.

Universo culturagalega.gal

15/05/2013

O futuro comeza aquí

A formación académica e os novos proxectos marcan unha nova xeración na escena galega

20/10/2010

Axenda completa

Moito teatro de adultos na terceira xornada da feira das artes escénicas

21/10/2010

Baixar o pano

A feira das artes escénicas remata cun espectáculo de novo circo

18/10/2010

Jazz e outras danzas

Os espectáculos para pequenos e a danza centra a segunda xornada da feira