Avanza a museografía do Centro de Interpretación da Telleira

O Concello de Sanxenxo saca a licitación estes traballos por valor de 113.582 euros

22/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimoniomedio
64 lecturas | Compartido 0 veces

Infografía da rehabilitación da telleira de Vilalonga. Fonte: Concello de Sanxenxo

O Centro de Interpretación da Telleira, localizado no Complexo Intermareal Umia-O Grove, dá novos pasos cara a súa apertura. O Concello de Sanxenxo anunciaba este 20 de xaneiro a licitación para os traballos de musealización deste espazo, que pretende ser "un foco de difusión dos valores ecolóxicos e etnográficos de toda a zona, que fomente o turismo ambiental e ornitolóxico". O investimento conta cunha partida orzamentaria de 113.582 euros.
Segundo explica o Concello, o proxecto inclúe "a dotación de mobiliario, dispositivos multimedia de almacenamento e lectura, equipamento audiovisual, paneis e servizos de exposición en museos". Situado nos terreos dunha antiga fábrica de tellas, o Centro de Interpretación construíuse en 2003. Nos últimos anos sucédense os traballos de adecuación do edificio, que está a acoller melloras na súa climatización. O Concello prevé ademais crear un aparcadoiro na contorna.

Unha vez rematado, está previsto que o centro acolla a oficina de Medio Ambiente, unha sede da organización SEO BirdLife, unha sala de exposición permanente, unha sala para usos múltiplos, un espazo para obradoiros, un almacén, un centro de documentación, unha sala audiovisual, unha sala de exposicións itinerantes, unha tenda temática e aseos.

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves