37 ONGD's integran a Coordinadora galega para o Desenvolvemento desde 1991

Solidarizate.org

Foi na década dos noventa cando as ONGs comezaron a callar en Galicia. En pouco tempo, o seu número aumentou e unha ducia delas constituíron en 1991 a Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento (ONGDs). Son organizacións de diferente índole e procedencia: hainas grandes e pequenas; relixiosas e laicas, que concentran o seu traballo en poucos países con outras que abranguen unha ducia deles. Mais todas teñen un denominador común, son Organizacións non gubernamentais para o desenvolvemento.

As case corenta ONGs que integran desde a súa constitución a Coordinadora Galega para o Desenvolvemento levan un D na súa definición (ONGD). E ese D non quere decer outra cousa que desenvolvemento. E por tal concepto entenden, tal e como reza no seu sitio web galiciasolidaria.org, "o proceso que conduce á plena realización das comunidades e dos pobos do mundo a partires dunha independencia cultural, económica, política e social". E neste empeño común céntranse os esforzos das case corenta ONG's que desde abril de 1991 integran a Coordinadora.

O valor engadido do D
Alén da etiqueta "para o desenvolvemento" as ONGD's teñen como características comúns ser organizacións sen ánimo de lucro, unha vontade de cambio ou transformación social, ser independentes, posuír recursos humanos e económicos procedentes de doazóns, traballos voluntarios..., ser transparentes na súa política alén de traballar activamente no campo da cooperación internacional, ter vontade de cambio e presenza social.

Cada ONGD mantén a súa singularidade e especificidade, mais manteñen unha serie de trazos comúns como elaborar proxectos de desenvolvemento (para propiciar o desenvolvemento social dos pobos) apoiar a poboacións afectadas por calquera tipo desastre. E estes son os fíos de unión entre Bicis pola paz, Entrepobos, Farma Mundi-Galicia, Mans Unidas, Seminario Galego de Educación para a paz, Solidariedade galega, Solidariedade Internacional, Veterinarios sen fronteiras, Axuda en acción e as 37 ONGD's que forman parte da Coordinadora.

¿Que é a Coordinadora?
A Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento é un exemplo do dito popular de "a unión é a forza". E foi en 1991 cando unha ducia de ONGD's con obxectivos comúns se agruparon para traballar por uns obxectivos comúns. E eses non eran outros que a realización de proxectos de cooperación para o desenvolvemento, a axuda humanitaria e de emerxencia, a sensibilización social e a presión política para, segundo figura no web, "conseguir unhas relacións entre os pobos máis xustas e a extensión real dos Dereitos Humanos a todas as sociedades".

E nese camiñar conxunto desenvolven unha serie de actividades que van desde a formación (tanto en aspectos especializados da cooperación ao desenvolvemento, como en xestión de organizacións non lucrativas); información (basicamente de convocatorias de bolsas e axudas e asesorando na redacción dos proxectos que acoden a esas convocatorias); sensibilización social (con programas que sirvan de mostra da realidade doutros países), até presión política e relacións institucionais ao esixir unha maior implicación dos gobernos e doutras entidades que conforman o marco sociopolítico actual.

Por outro lado, a Coordinadora tamén pretende dar a coñecer o Código de conduta das ONGDs, que é como a biblia que contén todas as pautas que han de seguir todos os seus membros e que está orientada en dúas direccións. Por unha banda o seu traballo nas sociedades do norte, é dicir, no traballo que se desenvolve desde o propio país de actuación e, por outro lado, o seu traballo de cooperación nas sociedades do Sur, neste caso atendendo á súa relación coas organizacións locais.

¿Como se desenvolve?
A Coordinadora é unha metaagrupación, ou o que é o mesmo, unha asociación de asociacións e coordinar a tanta xente non sempre é un traballo doado. E para cumprir cos seus obxectivos e finalidades a coordinadora ten creados dous órganos colexiados de goberno. Dunha banda a asemblea xeral e, pola outra, a xunta directiva. Na asemblea, que se reúne unha vez ao ano, participan todos os membros, representados por unha persoa con voz e con voto con igualdade absoluta. E, por outra banda a xunta directiva escóllese nas asembleas xerais . A actual xunta directiva, presidida por Emilio Manuel Martínez, de Intermón Oxfam, foi electa na asemblea celebrada en Chantada en maio de 2002. Foi precisamente, neste ano cando a Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento se integrou na Coordinadora estatal, na que levaba traballando como observadora desde o ano 1998.