A actriz e dramaturga Carlota Mosquera estrea este venres no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a montaxe coa que gañou en 2024 o primeiro premio do VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir. 'Ninguén tira fotos nos enterros' conta a historia dunha familia que no mesmo día vese obrigada a celebrar unha voda e un enterro e a mirada que sobre iso ten unha cativa de 11 anos para a cal ambas cousas son novidade. A peza, unha auto-ficción, recrea as instantáneas que esa nena tomou no enterro da súa avoa cunha cámara desbotable, para abordar, con tenrura e humor, a cuestión de como lle falamos da morte á cativada. Se é que lles falamos diso. Carlota Mosquera escribe e protagoniza o espectáculo xunto á actriz Sol Álvarez, que tamén asina a escenografía. A estrea terá lugar ás 20:30 horas deste venres, 16 de xaneiro.




