Ourense centrará os actos de homenaxe polos 150 anos de O Tío Marcos d'a Portela

O programa inclúe a dixitalización completa da colección deste proxecto crucial na historia da nosa lingua

13/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: comunicaciónlingualiteratura
77 lecturas | Compartido 0 veces

Capa do primeiro número de O Tío Marcos d'a Portela

Ourense acollía na mañá deste 13 de xaneiro a presentación do programa co que Deputación Provincial, Consello da Cultura Galega, Xunta, Real Academia e Concello conmemoran os 150 anos de O Tío Marcos d'a Portela. A Cidade das Burgas albergará ao longo de todo o ano as actividades da celebración, que inclúen propostas como un roteiro, un xantar popular, un concerto, xornadas de divulgación e a dixitalización da colección completa desta cabeceira.
O 6 de febreiro dará comezo ao programa de homenaxes, coa xornada sobre "Intelixencia artificial e desinformación" e unha foliada que organiza a Asociación de Medios en Galego. A isto súmase o especial que o xornal La Región lle dedicará á histórica publicación ese mesmo día e que inclúe un facsímile do seu primeiro número. No especial, unha vintena de sinaturas da cultura galega tratarán diferentes temas que no seu día atoparon oco na cabeceira e mais o contexto no que se desenvolveu a mesma.

No día 7, a coincidir co aniversario do lanzamento do primeiro número da publicación en 1876, un roteiro que percorrerá o Ourense de Valentín Lamas Carvajal complementado con intervencións institucionais, unha ofrenda floral e a guía dun tamborileiro e un gaiteiro. Seguirá a este percorrido unha festa popular e un xantar no Liceo de Ourense, que acollerá tamén un concerto da histórica coral Ruada.

Estes primeiros actos sumaranse á xornada que celebrará a Real Academia Galega, tamén en Ourense, sobre lingua e medios de comunicación, xa cara ao outono. Lamas Carvajal protagonizará ademais o cupón da ONCE do 1 de novembro, a lembrar a súa condición de discapacitado visual.

As entidades participantes adiantaron ademais que, a coincidir con este aniversario, completarase a dixitalización da colección de O Tío Marcos d'a Portela, que se porá a disposición de toda a cidadanía a través do portal Galiciana. O Consello da Cultura Galega, á súa vez, desenvolverá un espazo web dedicado á efeméride no que recollerá todos os actos da programación e os contidos dixitais desenvolvidos no marco da homenaxe.

A publicación quincenal, que promoveu Valentín Lamas Carvajal, chegou a ter unha tiraxe de 4.000 exemplares e completou 58 números, considérase a grande pioneira dos medios de comunicación en galego e un fito do Rexurdimento. Con Higinio Ameijeiras e Xavier Prado Rodríguez como directores. o xornal contou con colaboracións de escritores e intelectuais galeguistas da época coma Eladio Rodríguez González, Gonzalo López Abente, Manuel Losada Diéguez, Manuel Lugrís e Victoriano Taibo, canda a un importante número de mulleres, o que supón unha excepción no panorama xornalístico da época. A sátira e a denuncia do caciquismo, as inxustizas sociais e a situación da lingua marcaron a liña editorial dunha cabeceira que tivo que enfrontar múltiples presións e atrancos.

Universo culturagalega.gal