Inacio e Iván Suárez recuperan a historia dos escalatorres nunha banda deseñada

Fernando Llor asina o guión da novela gráfica Brain Rot e a Universidade de Vigo lanza Eva y las aventureras del cielo

7/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: banda deseñada
138 lecturas | Compartido 3 veces

Co título Bestiario das alturas chega ás librarías o último lanzamento do prolífico dúo da BD galega composto por Inacio e Iván Suárez. Logo de deixar as aventuras protagonizadas por Castelao, esta proposta repasa a historia dos escalatorres, protagonistas dun singular espectáculo consistente en trepar polas fachadas de diferentes campanarios e construcións que tivo grande predicamento no primeiro terzo do século XX.
Coeditada polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora, esta banda deseñada recolle as biografías dunha quincena de personaxes como "o granadino Puertollano, que coroou en 1909 a compostelá Torre Berenguela; o Barquerito, Manuel Escudero, quen vestido de toureiro gabeaba pola torre da Peregrina en Pontevedra, ou o portugués Antonio Sousa e a súa muller, alcumados Os Morcegos, pois escalaban cos ollos vendados a concatedral de Vigo…". Un suposto encontro entre Cunqueiro e Barquerito en Pontevedra serve como fío condutor para descubrir os protagonistas deste oficio xa desaparecido.

De xeito paralelo a este lanzamento, o guionista vigués Fernando Llor ten nas bancas unha nova proposta. Con debuxos do catalán Carles Dalmau, a novela gráfica Brain Rot. A obra segue as peripecias, cheas de humor, dunha axencia de investigación paranormal que se enfrontan ao caso que pode reflotar a súa carreira. O volume de 256 páxinas a cor chega ás librarías de todo o Estado da man da editorial Planeta Cómic, nunha edición normal e outra especial que inclúe un póster, unha figura e outros materiais extras. Os dous autores xa colaboraran para a mesma editora na obra Soma, que viu a luz en 2023.

A iniciativa Exxperimenta en feminino, da Universidade de Vigo, aposta tamén pola novena arte como ferramenta de divulgación. A súa última proposta é Eva y las aventureras del cielo, unha obra colectiva que en 76 páxinas coa que se dá visibilidade ás distintas profesións no sector aeroespacial a través do relato e a experiencia de cinco mulleres que traballan no mesmo. Laura González Trabado, Antón Yáñez Souto, Iria Fernández Groba, Loli Rivas González, Delia Vázquez González e José Ángel Ares asinan o volume, que está dispoñible para descarga no web da Universidade de Vigo.

Universo culturagalega.gal