Chega ás librarías a BD Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de Terra

Xico Paradelo, Irene Veiga e Iván Suárez asinan esta novela gráfica que lanzan Demo e Através

Logo dun exitoso crowdfunding que superou os 9.000 euros malia a partir dun obxectivo de só 2.500, está a chegar ás librarías a novela gráfica Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de Terra. Iván Suárez corre coa parte gráfica deste proxecto, que se desenvolveu con roteiros de Xico Paradelo e Irene Veiga. A obra, de 124 páxinas a branco e negro, tapa dura e tamaño álbum, viu á luz mercé a unha colaboración entre as editoras Demo e Através, e contou co apoio da Xunta de Galicia, a Asociación BD Banda e diferentes concellos, librarías e asociacións do país.

Segundo sinalan os autores, o proxecto parte da vida de Carballo Calero para abordar un relato da cultura galega ao longo do século XX. Coa forma dunha biografía ficcionada, a obra comeza a propor un unha ucronía no que as ideas reintegracionistas do homenaxeado no Día das Letras tivesen triunfado no noso país. A partir de aí percorre desde a infancia en Ferrol do protagonista ata o seu falecemento, a retratar episodios como a súa participación na guerra ou o tempo como profesor en Lugo.

A Arca da Noe, en Vilar de Santos, acolle a partir das 20 horas deste 26 de xuño a primeira presentación pública da BD, que se poderá seguir por streaming. Tamén o programa do FLIV, que se desenvolve esta fin de semana, permitirá ver unha entrevista cos roteiristas e o editor Valentim Fagim domingo 28 ás 18:15 horas. Para o vindeiro 4 de xullo será a Fundación Vicente Risco de Allariz a que acolla unha nova presentación e recital arredor desta obra, a partir das 13 horas.