O Museo de Pontevedra acadou en 2025 a maior cifra de visitantes en 15 anos

As máis de 200.000 visitas ás instalacións supoñen un 43% de incremento respecto a 2024

7/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: ArteSociedade
116 lecturas | Compartido 1 veces

Presentación da programación da Bienal de Arte de Pontevedra

Segundo comunicou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, o Museo de Pontevedra superou en 2025 todas as cifras de visitas dos últimos 15 anos. En 2025 un total de 208.908 persoas visitaron os seus edificios e coleccións, unha cifra só superada polo ano 2010, cando foron 226.645 visitantes. O número de visitas do ano pasado, marcado pola recuperación da Bienal de Pontevedra, supón un incremento do 43% con respecto das visitas de 2024.
Do total de visitas de 2025, 123.871 pasaron polas Ruínas de San Domingos, o edificio máis visitado do Museo. Supón un importante aumento con respecto a 2024, ano no que o período de apertura foi máis curto por mor dunha actuación de mantemento, e tamén supera lixeiramente o 2023, converténdose no segundo ano con máis visitas aos restos do convento dominico, só por detrás de 2010.

Aos edificios Castelao e Sarmiento, que concentran o groso da exposición permanente, as mostras temporais e a maior parte das actividades desenvolvidas por esta entidade, acudiron 73.206 persoas, un 0,5% máis que o ano anterior. As cifras de visitantes escolares e visitantes individuais mantívose en números similares ao 2024, destacando as visitas en grupo, con 10.590 persoas, a cifra máis alta nos últimos dez anos. Das 35.208 persoas que visitaron estes edificios por libre, 7.538 procederon de terceiros países, cunha importante presenza de persoas chegadas de Portugal, Estados Unidos e Reino Unido. Entre as comunidades autónomas españolas, foron Madrid e Andalucía as que achegaron máis visitantes. Tamén é salientable a cifra de 11.125 persoas que visitaron o convento de Santa Clara entre xuño e setembro, meses nos que a igrexa do recinto acolleu parte da exposición da Bienal de Pontevedra.

Universo culturagalega.gal