O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou este luns que a institución provincial acaba de recibir o visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o proxecto de consolidación, restauración e mellora funcional dos edificios históricos centrais da institución, Castro Monteagudo e García Flórez do Museo de Pontevedra, que teñen a declaración BIC, un proxecto longamente esperado tras anos parado e cos edificios pechados desde fai máis dunha década
A través do proxecto non se vai transformar o patrimonio, senón "coidalo, reforzalo e adaptalo ás necesidades dun museo do século XXI: mellorar a accesibilidade, a seguridade, a conservación dos inmobles e o seu funcionamento interno, garantindo que o Museo poida desenvolver plenamente o seu labor cultural e expositivo", sinalou o vicepresidente, que tamén destacou que a autorización incorpora condicionantes técnicos "que asumimos con total normalidade" xa que son habituais en actuacións en elementos patrimoniais declarados BIC, e non supoñen un bloqueo. Deste xeito, as medidas preventivas que incorpora a resolución, principalmente en materia arqueolóxica, son o control arqueolóxico durante a obra e a documentación dos elementos de maior interese. Rafa Domínguez sinalou a "finais de 2028 ou comezos de 2029" para que o proxecto esta plenamente operativo. Ademais, o vicepresidente estimou que o proxecto podería estar valorado en arredor de 12 millóns de euros.



