A reforma do Museo de Pontevedra comezará en 2025

As obras afectarán ás dúas sedes históricas da institución, que estarán conectadas por un paso subterráneo

28/6/2024 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimonio
32 lecturas | Compartido 0 veces

Recreación das sedes históricas do museo reformadas. Fonte: Deputación de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, daba a coñecer este 27 de xuño o proxecto de reforma das dúas sedes históricas do Museo de Pontevedra. Tal e como se anunciara anteriormente, un subterráneo, que finalmente contará con 500 metros cadrados, conectará os edificios Castro Monteagudo e García Flórez. Segundo adiantou Domínguez, a intención é que as obras comecen a finais de 2025.
Segundo explicou Domínguez, o proxecto contempla tamén a xeración dun percorrido circular por ambos edificios e mais a recuperación dos xardíns anexos para integralos na cidade. Na presentación do proxecto, Javier Reboreda, o arquitecto responsable, sinalou que o edificio Castro Monteagudo, acollerá a antesala e a zona de ingreso ao percorrido polos edificios, ademais do control de seguridade e da tenda do Museo.

O espazo subterráneo contará coa nova montaxe da cámara da fragata Numancia, dúas salas anexas visitables e os aseos. O percorrido continuará polo edificio García Flórez para rematar de novo no comezo, onde unha última sala amosará a propia historia destas edificacións.

Aínda que se respectarán os elementos históricos destas sedes, no proxecto elimínanse alteracións de compartimentación e circulación existentes, así como as reixas da parte baixa. Tamén se recuperarán os revestimentos de cal das dúas edificacións.

O anterior goberno da Deputación avogaba para esta reforma por crear un paso subterráneo de 2.000 metros cadrados. Para esta proposta obtivera 3 millóns de euros de fondos europeos, que a actual corporación provincial agarda que se manteñan.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
1 lugar identificados
Claves temáticas
Conceptos
Lugares