O conselleiro de Cultura José López Campos anunciou nunha reunión con representantes municipais que a Xunta creará en 2026 unha nova figura administrativa chamada "Itinerarios culturais de interese autonómico", orientada a dotar de recoñecemento legal "rutas que, sen contar cos criterios esixidos pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia para ser declarados Camiño de Santiago, si reúnen os requisitos necesarios para ser considerados relevantes e contar cunha especial atención por parte das administracións públicas". Segundo López Campos, son "trazados que conectan a nosa historia, tradición e patrimonio e que contan cunha especial relevancia para a difusión da nosa cultura e identidade en todo o territorio". A figura interacciona coas demandas de concellos e entidades porque a Xunta recoñecera como camiños de Santiago outros itinerarios. A propia Xunta ofreceu algúns exemplos deses itinerarios: "camiños da Geira ou dos Arrieiros, o de Muxía por Brandomil, o do Mar, o de Mariñán, o Miñoto Ribeiro, o de Muros-Noia, o de San Rosendo, e a Vía Künig". O obxecivo é "dar sustento legal á posta en marcha desta nova categoría que, posteriormente, se desenvolverá a través dun decreto no que quedarán fixadas as medidas específicas de protección, divulgación e apoio". Segundo comunicou a Xunta, "isto vai permitir que estas vías sexan obxecto de especial atención por parte das administracións públicas á hora de planificar programacións culturais, convocar axudas e deseñar medidas de posta en valor".
A Xunta creará en 2026 a figura dos "itinerarios culturais de interese autonómico"
Afectará a "trazados de especial relevancia para a difusión e promoción da cultura en todo o territorio"

