Canda ao Camiño de Santiago oficial, distintas rutas de peregrinación agardan polo seu recoñecemento

Os outros camiños

É claro que, antigamente, cada quen peregrinaba por onde podía, principalmente pola ruta máis rápida entre a súa casa e Compostela. No entanto, o fluxo de camiñantes foi dando na creación dunha serie de rutas máis ou menos estandarizadas onde se atopaban mellores camiños ou servizos. Son algunhas destas vías as que na actualidade concentran o fenómeno da peregrinación e contan con protección específica. Ao tempo, outros itinerarios reclaman a súa condición de Xacobeos e queren tamén recoñecemento e apoio.

Cando a UNESCO declarou en 1993 o Camiño de Santiago Patrimonio de Humanidade, delimitou o tramo recoñecido ao que comunmente se denomina Camiño Francés. Sen dúbida, este tramo entre Roncesvalles e Compostela foi o principal itinerario de peregrinación a partir do século X. Fóra desta ruta, e moi próxima a ela, desenvólvese o denominado Camiño Primitivo, empregado nas primeiras peregrinacións. Tamén coñecido como Ruta do Interior, contou como primeiro peregrino ilustre co Rei Afonso II, aló polo século IX. A pasar por Oviedo, entra no noso país polo porto do Acivro, pasa por Lugo e únese co Itinerario Francés en Melide. Tamén se considera parte do Camiño Primitivo o Camiño do Norte, pegado á costa do Cantábrico, que entra no noso país por Ribadeo e pasa por Vilalba e Sobrado antes de chegar a Compostela. Aínda que carente polo momento do recoñecemento internacional, un convenio entre as comunidades que comparten esta ruta está a traballar na súa delimitación, coa intención final de que a UNESCO decida ampliar a súa declaración de Patrimonio da Humanidade tamén a estes vieiros.

Alén da UNESCO

O recoñecemento das rutas xacobeas na Lei de Protección do Camiño recolle aínda outras vías que transcorren polo noso país. E é que aos xa mencionados únense o camiño Inglés, o que vai ata Fisterra, a ruta marítima pola Ría de Arousa, o Portugués e mais a Vía da Prata. Malia a isto, polo momento unicamente o tramo galego do Camiño Francés está axeitadamente delimitado. O proceso de delimitación, ademais de fixar o percorrido exacto da ruta, permite identificar os bens que se consideran partes do camiño, establecendo unha protección axeitada sobre os mesmos e facilitando traballos de recuperación e de divulgación.


Isto non impide, de calquera xeito, que a nivel turístico se estean a difundir e conten con sinalización ou con albergues outras das rutas mencionadas. Conscientes das diferenzas en canto a investimentos e promoción, diferentes colectivos pulan por conseguir un maior recoñecemento e unha protección axeitada para estas rutas. Así, por exemplo, existe un Consorcio do Camiño Inglés, que agrupa catorce concellos polos que pasa esta ruta e que reclama investimentos na infraestrutura do camiño e unha maior promoción por parte da Xunta. Tamén está a Asociación de Amigos do Camiño Portugués ou a Asociación de Amigos da Vía da Prata, entre outras.


O descoñecido de inverno


Aínda con estes non está fechada a conta. Hai xa varios anos que a Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra reivindica o recoñecemento do Camiño de Inverno. Ao parecer, esta ruta entra no noso país por Valdeorras e transcorre pola beira do Sil, chegando a Compostela despois de atravesar o Deza, xa unido á Ruta da Prata. Segundo defenden na asociación, era este o camiño que empregaban os peregrinos que viñan deste Astorga nos meses máis fríos para evitar nevaradas. Xornadas anuais, informes, contactos coas autoridades e mesmo peregrinacións son algunhas das actividades que deste colectivo desenvolven para dar a coñecer a alternativa. “Puxémonos en contacto en dúas ocasións coa Dirección Xeral de Turismo coa intención de conseguir a declaración de Ruta Xacobea, pero non tiramos máis que boas palabras”, explica Aída Menéndez, presidenta do colectivo. As reivindicacións deste grupo, centradas en infraestruturas, sinalización e promoción para a ruta, están apoiadas por unha reconstrución do percorrido da vía en todas as comarcas polas que transcorre e por diferentes estudos históricos que avalían a existencia de peregrinos neste vieiro. “Agora temos a intención de contactar coa Dirección Xeral de Patrimonio, pensamos que pode haber algunha posibilidade por esta banda”. Polo momento, a Ruta de Inverno conta cunha primeira sinalización, con frechas e paneis que permite seguir o seu percorrido. Desde a Asociación teñen clara a necesidade de ampliar o recoñecemento das rutas xacobeas. “Non se pode limitar o número de rutas xacobeas. Hai que respectar as propostas que estean ben documentadas, por unha banda porque é a nosa obriga pór en valor o que temos e pola outra porque é un potencial tremendo que podemos aproveitar”. Polo momento, a iniciativa conta co apoio dun bo feixe de concellos atravesados pola vía.


A costa esquecida



Canda a este, nos últimos tempos foi noticia o Camiño Portugués da Costa. Un pouco coñecido itinerario que, logo de cruzar o Miño en Tui, continúa pola Guarda, Baiona e Vigo ata incorporarse en Redondela á ruta portuguesa máis coñecida, que sube directamente de Tui a Pontevedra. Esta variante costeira acolleu os pasos do rei portugués Manuel I e mais do santo Tomás Beckett, e é tamén coñecido coma Camiño Monacal. Arredor destas dúas vías, aínda existe outra opción, que entra en Galicia por Goián e avanza por Tomiño e Gondomar ata Vigo. Por se fosen poucos, tamén existe unha variante interior da Ruta da Prata que transcorre por Portugal e penetra en Galicia por Verín. Como podemos ver, toda unha arañeira de rutas sacras atravesan o noso país nas máis variadas direccións.



Os límites dos camiños

Neste setembro de 2007, o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, anunciou que o seu departamento emprenderá a delimitación das diferentes rutas á Cidade do Apóstolo. Segundo informan desde Cultura, a primeira fase deste proxecto, xa en marcha, quere actualizar a delimitación da Ruta Francesa, e deslindar os camiños Primitivo e da Costa e mais catalogar todo o patrimonio asociado ás mesmas. A seguir, e de cara a 2008, está previsto que se aborden estes mesmos traballos no Camiño Portugués, o Inglés, o de Fisterra, a ruta do Sueste e a Vía Marítima pola Ría de Arousa. En canto á posibilidade de recoñecer outros camiños, o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, asegura que teñen constancia de reclamacións para recoñecer o camiño Portugués da Costa, canda ás peticións que encol do Camiño de Inverno ten recibido Turismo. “Con respecto ao Portugués da Costa, non está recoñecido, e tampouco é o máis recomendable para os peregrinos, a non ser que queiran pasar por un cento de semáforos en Vigo. De todos os xeitos, os elementos patrimoniais asociados a el xa se coidan con independencia de se están no Camiño ou non”, explica. “Con respecto ao de Inverno, insisto en que nós non recibimos nada, pero é unha variante do Camiño do Sueste aínda que non está recoñecida como tal”. A maiores, Arias apunta que existen aínda moitos máis tramos pouco coñecidos do camiño. “Existen variantes por mil sitios. Hai unha do Francés polo Corgo, outra que une o Camiño do Norte con Lugo a través de Viladonga. Pequenas variantes hai moitas, porque todos os camiños levan a Santiago”.