A Fundación Didac pon en marcha o proxecto AVISTA con tres xornadas de actividades

Dá visibilidade ao traballo de mulleres xestoras e creadoras na cultura e nas artes

Dá visibilidade ao traballo de mulleres xestoras e creadoras na cultura e nas artes
Presentación de AVISTA no Concello de Santiago de Compostela. A concelleira Miriam Louzao rodeada por Conchi Mayo e Mónica Maneiro da Fundación DIDAC
A Fundación DIDAC comeza hoxe as actividades do proxecto AVISTA, que ten como obxectivo dar visibilidade ao traballo das mulleres artistas e creadoras no eido da cultura, as artes e o deseño. Este proxecto que funcionará en paralelo como unha canle de difusión a través das redes sociais e a web da Fundación, dá comezo hoxe, 17 de decembro, nas instalacións da fundación en Santiago de Compostela coa mesa redonda 'Como operar dentro do circuíto artístico', que reúne a Almudena Fernández Fariña (artista e profesora na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo), Verónica Vicente (artista) e Mónica Maneiro (directora artística da Fundación DIDAC). Ao longo desta primeira xornada tamén está previsto un encontro cona produtora Beli Martínez para tratar da experiencia a través de Filmika Galaica en 'Produción audiovisual en Galicia'.

Nas dúas seguintes xornadas, os días 18 e 19 de decembro, a Fundación DIDAC reunirá no marco de AVISTA, un elenco de mulleres profesionais de primeiro nivel que achegarán as súas experiencias ademais de levar a cabo recitais poéticos. Este xoves ás 11:00 AM terá lugar a Mesa redonda 'A xestión cultural. Retos e oportunidades para novas experiencias'. Na que tomarán parte Agar Ledo (comisaria adxunta da Bienal de Pontevedra) e Nuria Sotelo (A Casa Vella e Compañía Furia Sotelo) e rematará a xornada pola tarde co recital poético a cargo de Nuria Vil 'Flúor significa escuridade'. A terceira xornada deste capítulo inicial do proxecto rematará o sábado coa charla e recital poético 'Poesía e ruralidades' que reunirá a María Sánchez e María Solar.