A Fundación DIDAC abre exposición da súa colección de fondos propios

Ata o 12 de abril poderase facer un percorrido polo deseño e a arte contemporáneas

Ata o 12 de abril poderase facer un percorrido polo deseño e a arte contemporáneas
Foto: Fundación DIDAC
A Fundación DIDAC abrirá este venres, 8 de febreiro, na súa sede social de Santiago a primeira exposición de fondos propios. A mostra, que estará aberta ata o 12 de abril componse de pezas da Colección Fundación DIDAC, un legado en construción que ten a intención de xerar un mapa visual e documental do ocorrido fundamentalmente no deseño e a arte contemporánea desde os anos setenta ata hoxe, reúne, ademais de obras de arte e obxectos de deseño, catálogos e libros de artista, revistas e carteis, informacións primarias e todo tipo de material. Compleméntase con pezas de artistas e deseñadores nacionais e internacionais que axudan á contextualización deste legado ao tempo que permiten expandir o relato e xerar conexións. O proxecto da Fundación DIDAC (DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas), que nace en liña cun dos obxectivos do Laboratorio de Formas de Galicia que pretendía dotar a Galicia de institucións capaces de abrir novos traxectos interdisciplinares de investigación para a arte e o deseño, recuperar a memoria e atopar unións entre o espírito de época e a tradición e historia de Galicia no ámbito do creativo.

Cunha organización cronolóxica que nace simbolicamente coa publicación do primeiro número do Laboratorio de Formas de Galicia en 1970, a colección asume unha vocación contemporánea e aposta por difundir o día a día da creación máis actual, mais tamén inclúe creacións anteriores a ese marco cronolóxico, como é o caso da imaxe da empresa Zeltia deseñada por Jaime Isla Couto, latas de conservas da empresa Massó ou diferentes tipos de envases de Augas de Mondariz, así como as publicacións que Luis Seoane realiza para as editoriais Nova, Citania ou Botella al Mar no exilio. Ademais a colección atesoura importantes deseños cerámicos de Seoane como Ramo vermello ( ca. 1979) e tapices como Paisaxe (1979). Nesa mesma liña destacan tamén exemplos de mobiliario e deseños cerámicos de Isaac Díaz Pardo para Sargadelos.

A estas importantes achegas de deseñadores galegos para as súas empresas únense traballos de deseñadores internacionais históricos como Marcello Nizzoli ou Ettore Sottsass para Olivetti, Dieter Rams para Braun, Paul Rand para IBM, á vez que se incorporan traballos posteriores de deseñadores galegos como Pepe Barro do Grupo Revisión Deseño para Pazo de Vilane, Iván Mato para Nokia, Marta Lojo para Paco & Lola ou Nordés, María Pereiró para Adegas Castro Brey, Cristina Moralejo de DARDO para A Tafona ou Xosé Teiga para Bela Fisterra, entre outros. A todo iso súmanse propostas gráficas e editoriais de autores como Xosé Díaz, Alberte Permuy, Manuel Janeiro, Francisco Mantecón, Eloy Lozano, Nuria Carballo, desecribir, Uqui Permui ou Artur Galocha, que se completan con numerosos autores nacionais e internacionais como Sonia Dyakova, Susana Blasco, Inês Nepomuceno, Cruz Xato ou Eduardo Aires, así como unha serie de afiches promocionais como o cartel/calendario informativo de Otl Aicher para os Xogos Olímpicos de Múnic en 1972, o de Eduardo Chillida para eses mesmos xogos, o de Eduardo Arroyo para o Mundial de Fútbol de España en 1982, o de Rosmarie Tissi para a regata Kiefer Woche en 1990, os carteis promocionais de Enric Satué, América Sánchez ou Javier Mariscal para os Xogos Olímpicos de Barcelona, os de Cruz Novillo para películas como El Espíritu de la Colmena ou os de Dídac Ballester para o Festival de Jazz do Palau da Música Valenciana en 2018. Nesa liña están os pictogramas olímpicos deseñados para The Washington Post por Álvaro Valiño en 2016 ou por Julian Opie para o Festival de Jazz de Montreaux en 2006. Tamén a identidade corporativa do Porto e as súas aplicacións, deseñadas por Eduardo Aires.


Ligazóns