O FIOT distingue a Areta Bolado como Xograresa de Outono

A actriz e dramaturga ve recoñecida a súa traxectoria no ano que pecha a súa compañía A Panadaría

A actriz e dramaturga ve recoñecida a súa traxectoria no ano que pecha a súa compañía A Panadaría
Areta Bolado Foto: FIOT / © Pilar Abades
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2025 o galardón como Xograresa de Outono a Areta Bolado. Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar á actriz, dramaturga e directora Areta Bolado, unha das fundadoras da compañía A Panadaría, que este ano comunicou o seu final de actividade. No seu fallo, o xurado destacou á artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, "pola riqueza e a versatilidade dunha creadora que é actriz, dramaturga e directora, co desexo de visibilizar novas formas de xograres e novas xeracións no FIOT, con figuras como Areta, que abren renovados e estimulantes camiños para as artes escénicas galegas". O xurado remarcou, tamén, "a solidez da traxectoria de Areta Bolado, tan querida pola súa linguaxe contemporánea irreverente e estimulante, cunha bagaxe recoñecida dentro e fóra de Galicia, e cun pulso creativo que comparte valores fundamentais para FIOT como a loita polo feminismo e a inclusión".

Areta Bolado (O Porriño, 1985) é actriz e creadora escénica. Foi unha das fundadoras da compañía A Panadaría, na que artellou un teatro hilarante, transgresor e profundamente político. Dentro desta formación, ademais de coordinar todos os proxectos pedagóxicos, foi cocreadora e actriz de PAN!PAN!, Panamericana, Elisa e Marcela e As que limpan. O seu carácter irreverente e lúdico como intérprete enchoupa outros proxectos teatrais e audiovisuais, como Soño dunha noite de verán (Marta Pazos, Voadora), Neorretranca e Posmorriña (Centro Dramático Galego), 9 Fugas (Fon Cortizo), Descarrilados (Fer García Ruiz) ou Xan (Lucía Estévez e Miguel Canalejo). Como creadora, mantén desde hai anos unha vía de exploración entre a música e o teatro xunto con Ailén Kendelman, da que xurde o conxunto internacional Áureas, a conferencia-concerto Barba Inguinal e o máis recente Unha señora orquestra. Na súa traxectoria recibe numerosos premios autonómicos e estatais como actriz, dramaturga e directora, mais tamén foi recoñecida por diversos colectivos polo seu compromiso feminista e polos dereitos do colectivo LGBTIQ+. Bolado recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo do actor e narrador Avelino González, premiado en 2024.