Casilda Alfaro será a Xograresa de Outono do 30º FIOT

O festival teatral de Carballo concédelle o seu recoñecemento á traxectoria profesional

Casilda Alfaro
Casilda Alfaro
Xa está confirmado que o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, retomará este outono a súa habitual programación de espectáculos e actividades na comarca bergantiñana para celebrar a 30ª edición tras un ano de pausa obrigada. A organización do festival ven de anunciar tamén a figura da escena galega á que desexa dar recoñecemento este ano co seu premio honorífico. Será a actriz Casilda García Alfaro a destinataria dese galardón e investida coma Xograresa de Outono do FIOT, un título que salienta a traxectoria de profesionais das artes escénicas e que está decidido por aquelas outras persoas que antes recibiron este mesmo título nas anteriores edicións do FIOT. Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar a calidade de García Alfaro como intérprete, así como o seu compromiso empresarial e noutros ámbitos da escena, como é o seu papel na organización da Mostra de Cangas ou mesmo na Revista Galega de Teatro. Deste xeito, Silda, como é coñecida no sector, recollerá este outono o testigo do escenógrafo Carlos Alonso, galardoado no "FIOT en pausa" do pasado 2020.

Casilda Alfaro é impulsora de diferentes proxectos relevantes para o teatro galego das últimas décadas. Inicia a súa traxectoria teatral en Coiro (Cangas), a finais dos 70, no grupo amador Matamoura. Uns anos depois, participa na creación de Teatro de Ningures, no que permanece na actualidade. O vínculo coa escena local da pé a ser fundadora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, mais non é o único proxecto que promove: é unha das fundadoras de Producións Teatrais do Sur (Tanxarina, Teatro do Morcego e Teatro de Ningures) e coa súa compañía impulsa a primeira co-produción teatral galego-portuguesa: "Terra de Lobos". Ao longo da súa traxectoria, Alfaro participa en case 40 espectáculos (tamén con Teatro do Morcego, Balea Branca, Centro Dramático Galego e Contraproducións), nos que ten ocasión de interpretar personaxes do teatro clásico e contemporáneo, e tamén de recibir galardóns: é o caso de "A noite das tríbades", de Teatro do Atlántico, pola que gaña o Premio María Casares á mellor actriz protagonista. Nestes últimos anos, García Alfaro compaxina o seu traballo sobre as táboas coa dirección ("Defensa da vila. María Soliña"), o profesorado (Aula de Teatro da Universidade de Vigo) e a vicepresidencia do Consello Editorial da Revista Galega de Teatro (Erregueté).
Ligazóns