O MARCO inaugura unha mostra de fondos propios

O museo quere impulsar a súa función de creador de colección contemporánea

O museo quere impulsar a súa función de creador de colección contemporánea
O MARCO de Vigo inaugura hoxe unha exposición de fondos propios da súa colección, a segunda nun ano. Segundo explica Miguel Ángel fernández-Cid, director da entidade no texto que acompaña á presentación desta mostra "Durante anos, do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, dicíase que era un museo sen colección, funcionando como un centro de arte, e os que opinaban así tiñan razón". Recoñecendo que ata o de agora ao proxecto de colección propio "non se lle dera a debida importancia" e coa fin de revertir esa situación con feitos o MARCO presentou en decembro do pasado ano unha exhibición de fondos propios que agora ten continuidade con esta, que estará dispoñible ata febreiro de 2026.

A nova proposta expositiva está organizada en varios espazos da planta baixa do Museo. O primeiro patio reúne obras de Berta Cáccamo (Vigo, 1963 - 2018), Bosco Caride (Vigo, 1963), e Lluís Lleó (Barcelona, 1961). Na sala seguinte (Galería A1), expóñense pezas de Washington Barcala (Montevideo, 1920 – 1993), Alfonso Galván (Madrid, 1945), Juan Giralt (Madrid, 1940 - 2007), Sofía Madrigal (Segovia, 1954), Idoia Montón (San Sebastián, 1969), e Leopoldo Nóvoa (Pontevedra, 1919 - París, 2012). Finalmente, a segunda galería está dedicada integramente ao artista portugués Jorge Martins (Lisboa, 1940).