O primeiro videoxogo en galego data de 1989, once anos antes do que se cría

O MUVI saca á luz dúas obras pioneiras do vigués Fran Morell para Spectrum

A historia do ocio dixital en Galicia ten un novo capítulo fundacional. Ata o de agora, a historiografía do sector situaba noano 2001 co lanzamento de O misterio das sete pezas, o fito do primeiro videoxogo desenvolvido integramente en lingua galega. Porén, unha recente investigación impulsada pola Fundación Museo do Videoxogo de Cangas (MUVI) vén de reescribir esta cronoloxía, adiantando o nacemento do videoxogo en galego máis dunha década, ata o ano 1989. O achado céntrase na figura de Fran Morell (Vigo, 1967), un programador que a finais da década dos oitenta desenvolveu dúas aventuras conversacionais para o ordenador ZX Spectrum, o sistema máis popular da época nos fogares españois e portugueses. As obras recuperadas son 'O Día Despois', datada en 1989, e 'Cuban Mission', de 1990.


Segundo certifica a investigación do MUVI, estas creacións permaneceron ocultas para a gran industria e o público xeral debido ás dificultades de distribución da época, onde a comercialización de software independente era un reto maiúsculo. Morell programou estes títulos axudándose do popular microordenador de 8 bits, creando o que el mesmo define como "a semente do mundo dixital no que hoxe vivimos". Se ben en 2024 o MUVI xa documentara The Wall (1986) de Álex González como o primeiro videoxogo producido en Galicia, a novidade reside agora no uso da lingua. Mentres que producións anteriores non contaban con texto ou empregaban o inglés ou castelán, as obras de Morell establecen o galego como lingua vehicular na interacción co xogador once anos antes do que se pensaba. Fran Morell desenvolveu tamén en culturagalega.gal na década dos 2000 unha columna chamada "Os sete fantásticos", ao redor de cultura audiovisual, de cómic e dixital.