O rebezo foi a base da dieta nos Ancares hai 17.000 anos

Un estudo revela como humanos e carnívoros compartían espazo na cova de Valdavara

Un estudo revela como humanos e carnívoros compartían espazo na cova de Valdavara
Marcas de cortes nos ósos de mamíferos. Foto: equipo de investigación
Unha nova investigación liderada pola USC no xacemento de Valdavara 1 (Becerreá) debuxa con precisión a vida nas serras orientais galegas tras o Último Máximo Glacial. O estudo, que analiza máis de 2.000 restos faunísticos, confirma unha "anomalía" na dieta dos cazadores-recolectores da zona: a predilección polo rebezo fronte ao cervo, e documenta unha ocupación da cova que se alternaba estacionalmente entre grupos humanos, lobos e osos.A cova de Valdavara 1, situada no concello lugués de Becerreá, continúa a fornecer datos fundamentais para comprender a Prehistoria no Noroeste peninsular. Un artigo recente publicado na prestixiosa revista Journal of Archaeological Science: Reports ofrece a análise zooarqueolóxica máis completa ata a data da secuencia magdaleniana deste xacemento, abranguendo unha cronoloxía que vai dende hai 18.720 ata 16.680 anos. A investigación, encabezada por Hugo Bal García (do grupo GEPN-AAT da USC e o CISPAC), en colaboración con investigadores da Universidade de León e do IPHES de Tarragona, examinou un total de 2.180 restos de fauna. As conclusións rachan coa tendencia xeral observada noutros xacementos ibéricos da mesma época, onde o cervo ou a cabra montesa adoitan ser as presas principais.

O rebezo: unha adaptación local única
O dato máis salientable do estudo é a predominancia absoluta do rebezo (Rupicapra rupicapra) no rexistro fósil. Esta especie representa máis do 40% dos restos identificados, moi por riba doutros ungulados como o cervo, o uro ou o cabalo.

Segundo os investigadores, isto demostra unha adaptación "oportunista" e altamente especializada dos grupos humanos á contorna inmediata das Serras Orientais. Os cazadores do Magdaleniano non realizaban grandes desprazamentos, senón que explotaban intensivamente os recursos de montaña dispoñibles arredor da cavidade.

O estudo das marcas nos ósos revelou unha dinámica de ocupación complexa. Valdavara 1 non foi un fogar permanente, senón un lugar de uso loxístico e temporal. Os humanos ocupaban a cova para tarefas específicas coma o procesado de carne, o mantemento de ferramentas ou os lumes e os carnívoros chegaban cando os humanos abandonaban o lugar. A cova era entón poboada por lobos, raposos e osos pardos, que a utilizaban como tobo ou refuxio. A proba desta alternancia atópase na propia superficie dos ósos: os arqueólogos documentaron restos que presentan marcas de corte antrópicas (feitas por ferramentas de pedra humanas) ás que se superpoñen, posteriormente, mordeduras de carnívoros. Isto indica que os animais aproveitaban os refugallos deixados polos grupos de cazadores ou ocupaban o espazo nos seus períodos de ausencia. O estudo confirma que, a pesar das duras condicións climáticas, grupos humanos e grandes depredadores coexistiron e competiron polos mesmos espazos e recursos nas serras de Lugo.