O público do FIOT outorgoulle o seu premio a Medida por medida (La culpa es tuya)

O festival de Carballo concedeu tamén os galardóns do IX Certame Micro-Escenas M2

Escena de <i>Medida por medida</i>. Fonte: FIOT
Escena de Medida por medida. Fonte: FIOT
O premio do público do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo foi para Medida por medida (La culpa es tuya), que obtivo unha puntuación de 4,75 sobre 5 nas votacións. A asociación Telón e Aparte, que organiza o evento, destacou da obra gañadora que o creador arxentino "volve a reinventar a Shakespeare desde o humor físico e unha linguaxe escénica lúdica que recorda a mellor tradición xograresa". Seguiuno nas puntuacións Yo solo quiero irme a Francia, de Contraproducións, que sumou 4,63 puntos.

Canda a estes galardóns, o festival deu a coñecer o fallo da IX edición do Certame Micro-Escenas M2. Gracias por su visita, de Uxía Algarra, impúxose na categoría de Mellor Espectáculo, mentres Estrella Tomé, de Bengala Teatro Físico, obtivo o Premio á Mellor Interpretación pola obra Alicia Wants To.

O evento facía reconto este 11 de novembro da súa última xeira, a destacar que, ao longo das seis semanas do programa, contaron con 15.000 asistentes ás diferentes actividades realizadas. En total foron 44 espectáculos e máis de 20 propostas paralelas, e a organización destaca como un fito a ocupación total obtida nas funcións do programa de sala.