O FIOT fará do seu 25 aniversario o fío condutor do seu programa máis festivo

Ata o 29 de outubro poderán verse espectáculos de compañías e autores que marcaron a traxectoria do evento

Ata o 29 de outubro poderán verse espectáculos de compañías e autores que marcaron a traxectoria do evento
Foto: Facebook FIOT
Con xa vintecinco anos ás costas o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abrirá o pano o vindeiro venres 23 de setembro cun ánimo de festexo colectivo que inclúe ás compañías teatrais e ao público e que se reflexa no seu programa. Así na selección dos 34 espectáculos deste ano a Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, organizadores do FIOT, buscaron ter unha representación das compañías que marcaron a traxectoria do festival xa que en anteriores edicións conseguiron o Premio do Público en Carballo e que nestes anos medraron en paralelo a este evento. Os madrileños Yllana, que xa estiveron en oito ocasións no festival e que gañaron tres veces o Premio do público do FIOT abriran o programa este ano xustamente coa obra Yllana 25 coa que celebran tamén o seu propio aniversario . O 29 de outubro a compañía Feelgood Teatro pechará a edición coa comedia La estupidez.

A comedia seguirá a ser a gran protagonista en Carballo. A compañía Contraproducións fai tamén a estrea absoluta en coprodución co FIOT da obra O tolleito de Inishman do irlandés Martin McDonagh (autor tamén da primeira coprodución do FIOT, Uncranio furado). O dramaturgo e director, Cándido Pazó, Xograr do FIOT en outra edición, é o responsable deste espectáculo de gran formato, que conta con oito actores da escena teatral e audiovisual galega, e entre os que se atopan a tamén Xograresa Susana Dans ou o bergantiñán Santi Romay, así como a carballesa Belén Pichel na produción. O actor Miguel de de Lira será o Xograr de Outono desta edición e tamén estará presente sobre as táboas co espectáculo da compañías Chévere . Representantes da organización realizarán hoxe no Pazo da Cultura a presentación oficial do programa da edición 2016, xunto coas entidades patrocinadoras, voluntarios, socios de Telón e Aparte e espectadores. No transcurso deste acto a Aula de Teatro Municipal de Carballo, dirixida por Artur Trillo, realizará unha intervención teatral.

Ligazóns