Carballo pon o FIOT en pausa

Unha programación entre o 9 e o 18 de outubro substituirá a 29 edición do Outono de Teatro

A Asociación Telón e Aparte e o Concello de Carballo, organizadores do Festival Internacional Outono de Teatro, decidiron non celebrar a 29 edición deste evento. A cita, un dos fitos da axenda escénica galega de cada temporada, verase substituída pola programación FIOT en Pausa, que entre o 9 e o 18 de outubro achegará unha selección de obras que manteñen o espírito da cita e que ademais aposta de xeito particular polas compañías do país. Así, o sábado 10 poderá verse a Curva España, de Chévere, o día 12 subirá ás táboas A lingua das bolboretas de Sarabela, e o 17 será a quenda de Liberto de Marelas. O día dezaoito poderá verse no marco deste ciclo Prostitución con Carmen Machi e Nathalie Poza.

Haberá tamén no programa espazos para propostas de formato non convencional como A xente 2.0 de María Vázquez e Víctor Duplá (venres 16), ou Live, "unha performance dunha actriz galega que se agocha detrás da personaxe Emma Santos" que se presentará o sábado 10.

O 9 de outubro a estrea de A lúa, valvula de spray marca o nacemento da nova sección FIOT Fónico, que pretende ter vocación de continuidade e que procura "explorar novos formatos e as posibilidades que ofrecen ferramentas tecnolóxicas innovadoras para achegar experiencias teatrais
singulares na comarca". A obra que se presenta é creación da artista multidisciplinar carballesa Rosalía Fernández Rial dirixida por Quico Cadaval. A montaxe "é un espectáculo itinerante que se pode
percorrer na localidade a través de seis escenarios ou murais que se atopan nas fachadas de Carballo. A peza poderase escoitar desde os dispositivos móbiles previa descarga dunha aplicación", segundo explica a organización.

De anos anteriores mantense o Certame de Microescena Metro Cadrado e engádese ao programa o proxecto paralelo de artes plásticas Pandemia. Novos retos no que unha vintena artistas da comarca presentan as súas visións sobre o momento actual.

Segundo explicou Alberto Sueiro, director do evento, a pausa pretende garantir "o futuro e a viabilidade nos vindeiros anos dun festival necesario para fornecer o tecido cultural e escénico de Galicia como da propia entidade cultural que promove a cita".