A Xunta presenta o Observatorio da Innovación do Patrimonio Cultural

Quere recompilar boas prácticas patrimoniais e elaborar un mapa de innovación

O Conselleiro de Cultura José López Campos presentou esta mañá no Museo das Peregrinacións o Observatorio da Innovación de Patrimonio Cultural, unha "ferramenta" que ten o obxectivo de "promover o estudo, o coñecemento e as actuacións innovadoras no ámbito do patrimonio cultural". A creación desa unidade fora anunciada polo entón Conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e desde entón elaboráronse os documentos e o espazo web deste observatorio. A ferramenta deberá "recompilar datos, iniciativas innovadoras, compartir boas prácticas, emitir recomendacións e activar redes de colaboración", mentres "monitoriza o panorama galego" e propicia diferentes iniciativas en rede. Os obxectivos e estrutura deste Observatorio detállanse no informe Deseño e posta en marcha do Observatorio da Innovación do Patrimonio Cultural, elaborado pola empresa Trivium e que está dispoñible no sitio web do Observatorio.

Nesta proposta de organización publicada pola Xunta no seu web indícase que o Observatorio dependerá organicamente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o seu "peso" descansará na Dirección Xeral de Patrimonio Cultura. No seu comité estarán presentes representantes dos diferentes departamentos do goberno autonómico vinculados ao patrimonio cultural e á mocidade, ademais de institucións consultivas, como o Consello da Cultura Galega, o instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, a Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario e tres expertos no eido do patrimonio cultural "designados pola presidencia a proposta do propio Comité". A partir desta estrutura, xenéranse grupos de traballo, dos cales un dedicado a innovación e outro a educación son permanentes. Adicionalmente, pódense crear outros grupos de traballo permanentes ou temporais. Entre os proxectos designados para o Observatorio neste documento de partida está un repositorio de boas prácticas patrimoniais e un mapa galego de innovación patrimonial.