Teatro e memoria en feminino no Festival Escena Muller

A quinta edición terá lugar no mes de outubro en Dumbría, Camariñas e Vimianzo

O Festival Escena Muller abrirá a súa quinta edición este venres 10 de outubro cunha inauguración institucional da exposición 'Coreografías do facer', ás 13:00 h, no Albergue de Conco (Dumbría). Teatro, memoria e cultura en feminino son os eixos da programación deste festival que ten lugar nas localidades de Camariñas, Dumbría e Vimianzo durante todo o mes de outubro. Propostas escénicas, accións ambientais, espazos de coidado, obradoiros, encontros interxeracionais e iniciativas de recuperación da memoria conforman o seu programa. Nomes como os de Iria Sobrado, Estíbaliz Espinos, Esther Carrodeguas, Iria Pinheiro, Noelia Darriba ou Lupe Blanco traen as súas propostas escénicas. A exposición inaugural comisariada por Ana Estévez Lavandeira, do equipo do Museo do Pobo Galego, reúne unha coidada selección de fotografías históricas realizadas polo folclorista e antropólogo Gustav Henningsen entre 1965 e 1968, que documentan o labor feminino nas vilas e aldeas de Galicia.