Galicreques celebra 30 anos de títeres en Compostela

O festival reúne compañías de Arxentina, Italia, Portugal, México ou Colombia entre os días 11e 19 de outubro

O Concello de Santiago acollía este 6 de outubro a presentación da trixésima xeira do Festival Galicreques. O encontro dedicado aos títeres celebra tres décadas cun programa no que destaca a presenza internacional, con compañías de Arxentina, Italia, Portugal, México ou Colombia. Dezaseis estreas, varias delas de compañías de fóra do país, preséntanse como o principal engado desta xeira.

Unha festa de inauguración na Sala Capitol, con convite, serve de pórtico este día 8 ao programa. A organización presenta o evento como un grande encontro do sector escénico e, en particular, do ámbito dos monicreques, con diferentes actuacións e sorpresas. Os actos de aniversario continuarán o día 13 cunha mesa redonda na que diferentes artistas que pasaron polo festival explicarán a súa vinculación co mesmo.

A formación colombiana El Guiñol del Guiñol abrirá as estreas o día 11 con El último árbol. Canda a estas, outras propostas inéditas internacionais son as de FioD'Azeite (Portugal), con O rei vai nú, a dos chilenos Títeres Candelilla coa peza Kuiyen,sueño mapuche o martes 14 ou Zaches Teatro (Italia), dá a coñecer a súa Cenicienta. Canda a elas, tamén Panta Rhei presentará Krim, pequeño lobo ou o catalán Fil de Guá, que amosa Emproianova. En canto ás estreas de compañías galegas, Mircromina Teatro levará por primeira vez a escena Pasmo de Pedra, Nauta estrea Ephimeros e Kalina Teatro presenta Limonardos.

Dentro das propostas desde ano atópase un obradoiro de xigantes e cabezudos que se desenvolverá no Centro Sociocultural de Amio, onde quedarán para uso de veciños as pezas resultantes. A intención do festival é continuar o traballo nesta liña para dotar os diferentes barrios da cidade dos seus respectivos cabezudos.

O festival outorgoulle o seu galardón deste ano a Ekarni Genua, fundadora do grupo Txotxongillo Taldea, pioneiro dos títeres en euskera. Genua foi tamén unha das promotoras do Museo e Centro Internacional da Marioneta TOPIC de Tolosa e escribiu máis de 40 obras e publicacións en diferentes ámbitos.